- A adega de Cambados acolleu esta mañá a Xornada “Atrévete Contigo Mesma” organizada por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Obra Social “la Caixa”.
- Susana López, secretaria xeral de Igualdade, interveu na inauguración.
- Técnicas de AGACA especializadas en Igualdade e en Coaching achegaron técnicas para acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres nos órganos de decisión das cooperativas.
Unha trintena de socias da bodega cambadesa Condes de Albarei asistiu esta mañá á Xornada “Atrévete Contigo Mesma”, co obxectivo de debater sobre as causas da escasa participación das mulleres cooperativistas nos órganos de decisión destas entidades e aprender xeitos de facilitar o seu acceso aos mesmos.
Ruth Rodríguez, técnica en Igualdade de AGACA, expuxo a situación das cooperativas en materia de xénero: o 88% dos integrantes en Consellos Reitores de cooperativas agroalimentarias galegas son homes, malia que a porcentaxe de socias ascende ao 49%. Condes de Albarei, pola súa banda, forma parte do 3% destas entidades que conta cunha muller na presidencia: Dolores Calvo, no cargo dende 2014.
A continuación, a cargo da coach de AGACA, Loli Couso, as asistentes participaron en exercicios de motivación. Incidiron en aspectos individuais e persoais, poñendo en valor as capacidades das socias e afondando na casuística que as afasta dos postos de responsabilidade (por exemplo, propuxéronse xeitos lograr a conciliación familiar). En canto ao ámbito institucional, as socias propuxeron servizos que a cooperativa podería potenciar para facilitarlles o acceso a cargos nos consellos reitores.
Implicación social
AGACA e Obra Social “la Caixa” impulsan a iniciativa “Atrévete Contigo Mesma” como parte das súas actividades en prol da igualdade de xéneros. Ata o de agora, sete cooperativas das provincias de A Coruña e Lugo participaron xa nas xornadas “Atrévete Contigo Mesma”, cunha media de 50 participantes por sesión. Continúase a traballar para organizar xornadas tamén en Ourense e Pontevedra, nos vindeiros meses




