A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza o vindeiro 24 de setembro a xornada “O cultivo do oliveiral”. O encontro achegará experiencias, coñecemento técnico e proxectos de innovación relacionados co desenvolvemento deste cultivo en Galicia.
A actividade terá lugar de 09:30 a 14:30 horas no Hotel OCA Puerta del Camino, en Santiago de Compostela. Ademais, poderá seguirse en modalidade online. A xornada está organizada por AGACA no marco da Rede Eusumo.
Innovación e novas posibilidades para o oliveiral
En primeiro lugar, o programa centrarase nos Grupos Operativos en Galicia. Nesta parte presentaranse tres proxectos vinculados á innovación no medio rural.
SUPRAOLIVO abordará a adaptación agronómica de variedades autóctonas de oliveira. Así mesmo, tratará a caracterización físico-química e sensorial dos aceites. O proxecto tamén avalía a sustentabilidade e rendibilidade do cultivo en Galicia, Castela e León e Andalucía.
Pola súa banda, OLIGALICIA achegará aprendizaxes varietais, agronómicos e territoriais obtidos en Galicia. A continuación, ULEX_AE presentará unha proposta para a valorización do toxo. O proxecto busca obter fariña para alimentación animal e estela para uso enerxético.
Despois dunha pausa, será a quenda do proxecto OLI4FOOD. Neste bloque analizaranse novas posibilidades do oliveiral máis alá da produción de aceite. En concreto, falarase da valorización de subprodutos e do desenvolvemento de alimentos funcionais.
O cultivo do oliveiral en terras ácidas
Outro dos puntos destacados será a mesa redonda “O oliveiral en terras ácidas: dificultades, solucións e posibilidades”.
Durante esta sesión, produtores e representantes de empresas compartirán as súas experiencias. Deste xeito, poderanse analizar tanto os principais condicionantes deste cultivo como as oportunidades que ofrece.
📅 24 de setembro de 2026
🕤 09:30–14:30 h
📍 Hotel OCA Puerta del Camino, Santiago de Compostela
💻 Modalidade presencial e online
As prazas presenciais son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa.
“Esta actividade enmárcase no programa da Rede Eusumo. ARede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social”.




