- A edición 2023 dos Premios Cooperativas Agro-alimentarias de España premiou a Condes de Albarei na categoría Desenvolvemento Rural e Viña Costeira na categoría Innovación.
O 18 de maio se entregáronse os Premios Cooperativas Agro-alimentarias de España en Madrid, coa asistencia de Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, e Ángel Villafranca, presidente de Cooperativas.

De esquerda a dereita: Ignacio Martín Obregón, de Bodega Cuatro Rayas; María Dolores Calvo, de Adega Condes de Albarei; Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación; Guillermo Cisneros, reitor da Universidad Politécnica de Madrid; Francisco Arrarás, de Grupo AN; Ángel Villafranca, presidente de Cooperativas Agro-alimentarias de España, e Andrés Rodríguez, de Viña Costeira.
O obxetivo do Premio, que nesta oitava edición recibíu un total de 27 candidaturas, é comunicar á sociedade os valores e actuacións relevantes das cooperativas, destacando o labor de catro delas, en diferentes categorías:
A Adega Condes de Albarei alzouse co ‘Premio ao Desenvolvemento Rural’, Bodega Cuatro Rayas conbseguíu o ‘Premio Igualdade de Oportunidades’ e a cooperativa Viña Costeira, recibíu o ‘Premio á Innovación’. O Premio ‘Cooperativa do Ano’ 2023 foi para Grupo AN S. Coop.
DESENVOLVEMENTO RURAL – CONDES DE ALBAREI. A faceta máis vinícola e social do Pazo Baión
A Adega Condes de Albarei, situada en Cambados (Pontevedra), foi creada en 1988 por varios viticultores do Val do Salnés, co obxectivo de producir Albariños de primeira calidade. Eses primeiros socios son hoxe 380 e a cooperativa é unha das máis importantes de Rías Baixas. No ano 2008, coa adquisición da adega Pazo Baión, a cooperativa cambadesa acometeu un importante proxecto enoturístico.
Condes de Albarei conseguiu fusionar a faceta máis vinícola e social de Pazo Baión nun único proxecto, coa elaboración de albariños e viños de pago, a creación dun centro de enoturismo de referencia e a implicación social coas persoas con adiccións.
O xurado dos Premios Cooperativas Agroalimentarias Españolas valorou especialmente o compromiso da cooperativa co territorio rural, a colaboración e defensa dos colectivos vulnerables e as oportunidades de emprego que xera. Ademais, o xurado tivo en conta as iniciativas que Adega Condes de Albarei leva a cabo para achegar á mocidade o espírito, organización e funcionamento da cooperativa, como opción de futuro.
A presidenta de Adega Condes de Albarei, María Dolores Calvo, destacou durante a súa intervención que este galardón visibiliza a importante aposta da súa cooperativa coa formación dende as súas diferentes vertentes, e os cursos e actividades que se crean para as persoas socias da adega. Tamén se referiu ao ambicioso proxecto social que desenvolve Condes de Albarei dende os seus inicios: “Púxose en marcha un programa de reinserción sociolaboral de ex-drogodependentes e destinamos o 5% das vendas da bogega do Pazo Baión a diferentes proxectos sociais que traballan na prevención das drogodependencias”. A presidenta da cooperativa cambadesa tamén quixo mencionar un dos seus piares fundamentais: “o compromiso que mantemos co medio ambiente, así como os novos avances no coidado das viñas”.
INNOVACIÓN – VIÑA COSTEIRA. O uso da intelixencia artificial no sector bodegueiro
Viña Costeira S. Coop. Galega é unha adega que elabora viños, na provincia de Ourense, en dúas denominacións galegas diferentes: Ribeiro e Valdeorras. Dende a súa fundación, en 1968, non parou de crecer, e a innovación e a investigación foron parte fundamental da súa idiosincrasia, realizando un forte investimento en novas tecnoloxías e coñecementos en viticultura e enoloxía cos obxectivos de mellorar a sustentabilidade ambiental, reducir os tratamentos fitosanitarios do viñedo, asumir prácticas de cultivo de produción integrada, optimizar os custos do viticultor e mellor a calidade dos procesos enolóxicos.
Xunto aos programas de recuperación e posta en valor dos viñedos, tanto propios como dos socios vitícolas, Viña Costeira lidera e participa en múltiples proxectos de I+D+i e programas de innovación a nivel autonómico, nacional e europeo, xunto con centros tecnolóxicos, universidades e outras empresas do sector.
Ademais, o xurado premiou a esta cooperativa pola súa firme aposta pola dixitalización como ferramenta fundamental dentro da actividade vitivinícola para a eficiencia produtiva. Viña Costeira lidera actualmente un proxecto que utiliza a intelixencia artificial no sector das adegas, dixitalizando as fases de envellecemento e maduración do viño e mellorando a eficiencia enerxética das adegas controlando a temperatura dos depósitos durante a fermentación.
O presidente de Viña Costeira, Andrés Rodríguez, lembrou que en 2016 a cooperativa tiña claro que a innovación e a dixitalización debían converterse na pedra angular do proxecto: “Sabiamos que ía ser un camiño difícil e moi lento, porque non podemos esquecer que somos unha peme, pero estabamos decididos porque pensamos que era o camiño correcto. Hoxe, sete anos despois, podemos dicir que temos dixitalizado todos os procesos da empresa, dende o campo ata o embotellado do viño, e mesmo a xestión dos nosos socios, a nivel técnico e administrativo. Ademais, contamos cun departamento de sistemas, con persoal propio, e participamos nun gran número de proxectos nacionais e europeos”. Para Andrés Rodríguez, recibir este premio é unha ilusión especial porque, recoñece: “Utilizamos a innovación como panca de cambio, pero sempre cun fin último: mellorar a vida dos nosos socios”.



