Levamos tres anos de infarto. En marzo de 2020 confinouse media humanidade e os profesionais da agricultura e da gandería convertémonos en persoas esenciais no proceso de subministración de alimentos básicos para unha poboación sen alento ante o rápido avance do virus Covid-19. Posteriormente, a reactivación económica disparou os prezos das materias primas e mesmo puxo en risco a subministración de bens esenciais. Dende agosto de 2020 os prezos das materias primas de alimentación animal comezaron a incrementarse, en principio paulatinamente e en 2021, a un forte ritmo. Coa guerra de Ucraína, a finais de febreiro do pasado ano 2022, o sector gandeiro entrou en pánico ante o risco real de desabastecemento de alimentos para os animais. Xa non se miraba o prezo senón a posibilidade de abastecerse e evitar danar o benestar dos animais das granxas.
Unha pandemia, unha guerra e unha inflación galopante fixeron que os fertilizantes, os pensos de alimentación animal, os carburantes, a enerxía, os fitosanitarios… acadaran incrementos brutais de prezos que non retroceden nestes inicios do 2023. A inflación activa os mecanismos dos bancos centrais e comeza unha escalada de tipos de interese do 0% ao 3,5% en nove meses, dificultando atender os créditos privados das empresas e a propia débeda pública. A guerra de Ucraína cambia a mentalidade de producir en China a producir en lugares de fiar, polo que camiñamos cara a unha globalización rexional. En 2010 a crise, chamada Gran Recesión, curou cunha sobredose de austeridade. Tras a quebra dun banco en EEUU, a crise actual non sabemos como vai finalizar e que derivadas pode ter.
A UE marcou unha ruta tremendamente agresiva que provocou unha enorme diarrea normativa que impón elevación de custos produtivos e redución de rendementos con efectos imprevisibles. Basta xa de máis normas produtivas!
Pese a todo isto, en 2020 a UE marcou unha ruta estratéxica tremendamente agresiva e de cambio coas producións agrogandeiras: a estratexia Da granxa á mesa e a estratexia da Biodiversidade, que, xunto coa nova PAC verde, provocou xa unha enorme diarrea normativa de reais decretos que impoñen unha elevación de custos produtivos e unha redución de rendementos con efectos imprevisibles sobre o noso tecido agrario. Neste intre, as alarmas pola suba dos prezos dos alimentos aos consumidores obrígannos a afirmar, para quen queira escoitar, que a suba nos prezos dos alimentos ten a orixe no incremento dos custos e nos cambios nas condicións de produción que estamos obrigados por normativa a aplicar. Basta xa de máis normas produtivas!
Para quen queira escoitar: a suba dos prezos dos alimentos ten a orixe no incremento dos custos e nos cambios de produción que, por normativa, estamos obrigados a aplicar. Convén avisar de que peor que uns prezos elevados dos alimentos é unha falta deles.
Cando sabemos que, ano tras ano, desaparecen unha media do 5% das explotacións convén avisar á sociedade e ás administracións de que peor que uns prezos dos alimentos elevados é unha situación de falta deles nos puntos de venda. Convén lembrar as imaxes recentes de supermercados cos estantes baleiros de alimentos en Reino Unido, e convén insistir nas dificultades de poñer en marcha unha explotación agrícola ou gandeira nun período curto de tempo, por moi rendible que sexa a produción dese alimento. Apoien á produción!
Urxe que a UE e o resto de administracións se comprometan a non desenvolver máis normas, máis atrancos, máis requirimentos produtivos. Pola contra, ás cooperativas tócanos crear equipos técnicos para acompañar e orientar aos nosos agricultores e gandeiros para que superen esta transición normativa coas menores dificultades económicas e sociais posibles.




