O proxecto LAKTIS, a rede que impulsa a descarbonización do sector lácteo desde o territorio a través da conexión entre ganderías, innovación e sostibilidade, celebrou esta semana as súas xornadas intermedias en Ribadeo, Ames e Siero (Asturias). Persoal de Agaca participou como relator nestes encontros que serviron para poñer en común os primeiros cálculos de pegada de carbono realizados nas explotacións de estudo e para abrir un diálogo técnico e práctico sobre as estratexias de mitigación máis axeitadas para o sector.
A sesión inaugural tivo lugar no CFEA Pedro Murias, en Ribadeo, onde os profesionais do asesoramento, a gandería e estudantes e persoal técnico analizaron conxuntamente as primeiras medicións realizadas en diferentes explotacións lácteas. Tamén compartiron a súa valoración sobre o proceso. A participación activa dos asistentes deixou claro o interese crecente por ter dispoñibles ferramentas que axuden a reducir emisións e optimizar o funcionamento das granxas de leite.
O segundo encontro celebrouse nas instalacións da cooperativa Clun, en Ames (A Coruña), cunha ampla asistencia de alumnado do ciclo de Produción Agropecuaria do CFEA Fonteboa e coa presencia de gandeiros e gandeiras da contorna, persoal de asesoramento e empresas tecnolóxicas. Esta xornada trasladou tamén os primeiros resultados e debateuse sobre posibles vías de mitigación, ademais de avaliar a súa viabilidade a través dunha dinámica de priorización. Empresas como Entomo Agroindustrial, Pentabiol e Innogando achegaron casos de éxito xa implantados.
A terceira e derradeira xornada intermedia tivo lugar en Granda, la localidade asturiana de Siero, nas instalacións de Central Lechera Asturiana. De novo, especialistas en mitigación de emisións participaron na mesa redonda sobre innovación en descarbonización, acompañada dunha dinámica de cálculo con explotacións tipo que participan no proxecto e dunha visita á gandería demo do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Alimentario (SERIDA).
Todas as xornadas se desenvolveron en formato híbrido para facilitar a participación de profesionais doutras comunidades interesados.
O proxecto LAKTIS
Laktis é unha rede colaborativa orientada a impulsar a sostibilidade no sector lácteo mediante a medición e redución da pegada de carbono, a transferencia de coñecemento e a participación activa de todos os axentes implicados. A súa misión é conectar innovación, asesoramento e realidade produtiva para construír, desde o territorio, un modelo máis resiliente e comprometido co futuro do sector.
O proxecto LAKTIS Innovación y transferencia de konocimiento en sostenibilidad para el sector agroganadero lácteo conta cunha axuda destinada ao intercambio de coñecementos e á formación supraautonómica no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027, cofinanciada ao 43 % polo FEADER e ao 57 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, cun importe total de 326.777,11 €.
Os seus obxectivos inclúen informar e asesorar sobre a importancia de medir e reducir a pegada de carbono, xerar unha estratexia de sostibilidade a longo prazo baseada nun diálogo multiactor, adaptar ferramentas e estratexias á realidade das explotacións, explorar vías avanzadas de mitigación vinculadas á bioeconomía circular e ao carbon farming, promover recomendacións normativas que impulsen métodos estandarizados en toda a cadea láctea e consolidar unha rede perenne de colaboración e intercambio de coñecemento.
O consorcio LAKTIS está integrado por Medrar Innovation Office, Central Lechera Asturiana SAT (CLAS SAT), Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), CAPSA FOOD e Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), entidades que representan o tecido produtivo, cooperativo, industrial e innovador do sector lácteo tanto en Galicia como en Asturias. Conta tamén con socios colaboradores.




