NOTA DE PRENSA: TERNERA GALLEGA
- Terá lugar o vindeiro 30 de xuño, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
- Este encontro vai dirixido a toda a cadea de valor, desde a produción, ata a industria, a distribución e os consumidores.
- A nova IXP ten como principal obxectivo protexer e poñer en valor a carne procedente das vacas e bois galegos de calidade.

A Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia vai celebrar a I Xornada Técnica, que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o vindeiro 30 de xuño, venres. Este encontro vai dirixido a gandeiros, profesionais técnicos, industria, distribución e consumidores. A Xornada pretende trazar unha folla de ruta sobre aspectos normativos, produtivos, tecnolóxicos e tendencias de mercado e consumo para a carne de Vaca e Boi de Galicia, que vai amparar a nova Denominación de Calidade.
Durante as sesións abordaranse a normativa reguladora por parte do director técnico da IXP, Antonio Xende; os factores produtivos e as características tecnolóxicas da ‘Vaca’ e do ‘Boi’ de Galicia, da man de Teresa Moreno, do Centro Tecnolóxico da Carne e de Santiago Crecente, do INGACAL, respectivamente; ademais dos mercados desta carne e das tendencias de consumo, a cargo do xornalista experto en comercialización de carnes e redactor de Eurocarne, David Barreiro.
A Xornada será clausurada polas autoridades da Consellería do Medio Rural e finalizará cun xantar de confraternidade para todos os asistentes.
Vaca e Boi de Galicia, soporte de calidade e valorización para o vacún de carne galego
A posta en marcha deste novo indicativo de calidade para o sector de vacún de carne de Galicia permitirá mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto. A medio prazo está previsto que se acollan á IXP cerca de 10.000 explotacións gandeiras, se certifiquen anualmente unhas 25.000 canais e se comercialicen preto de 10.000 toneladas de carne de vacún maior de calidade.
A finalidade deste selo de calidade é protexer e poñer en valor a carne fresca procedente das vacas e bois de Galicia. Este produto obtense das principais razas existentes na nosa comunidade, como son a rubia galega, morenas galegas, asturiana de los Valles, limusina, rubia de Aquitania, frisona e pardo alpina.
Esta carne deberá presentarse refrixerada para cumprir as normas da IXP, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterizarase por ser unha femia que tivera polo menos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supere os 48 meses de idade ao sacrificio.
A IXP abarcará a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase produtiva e tipoloxía animal comercializarase cunha etiquetaxe específica que favorecerá a súa identificación no mercado.
Máis información e inscricións na web www.terneragallega.com ou no correo electrónico consejo@terneragallega.com.
Pode consultaro programa da xornada aquí (PDF).




