- Onte desenvolveuse a primeira xornada do ciclo “O sector cooperativo como ferramenta para xerar riqueza no rural”, organizada por AGACA no marco da Rede Eusumo.
- Sesenta profesionais da gandería asistiron ás charlas ofrecidas por técnicos de AGACA e expertos en gando vacún sobre cooperativismo e coidado animal.
- Mañá e o mércores terán lugar as seguintes en Chantada e Sarria (Lugo), respectivamente, e o xoves, día 9, en Melide (A Coruña).
Un grupo de sesenta gandeiros e gandeiras participou onte no Multiusos Terra de Xallas en Santa Comba na xornada “O sector cooperativo como ferramenta para xerar riqueza no rural”, a primeira das catro que se desenvolverán ao longo desta semana. Mañá celebrarase no municipio lucense de Chantada, o mércores en Sarria (Lugo) e o xoves, día 9, no concello de Melide (A Coruña).
A técnico de AGACA María Rey puxo en valor o papel do cooperativismo no desenvolvemento do medio rural galego: “As vosas explotacións crean riqueza e emprego porque contratades persoas e así contribúen á creación de valor, evitan a desigualdade e o despoboamento”. Incidiu ademais en factores como o mantemento da “biodiversidade e mesmo a conservación do patrimonio, por exemplo os hórreos ou lavadoiros”.
A continuación, Xan Rodríguez Diz, experto en control e tratamento de micotoxinas (metabolitos secundarios dos mofos), alertou sobre posibles efectos da súa aparición, nos animais, como a “inxestión desorganizada do alimento, comportamento descontrolado ou redución da fertilidade” e nos humanos, para os que “pode resultar canceríxeno”.
Diz recomendou, unha vez detectada a aflatoxina B1 no leite, “non agardar á chegada dos resultados de análises para comezar o tratamento, pois aínda que é fácil que se mostren no leite, non o é tanto na materia prima” e propuxo medidas para evitalo: “Antes de acadar os máximos legais, cómpre implementar absorbentes de amplo expectro, eliminar inmediatamente os ingredientes sospeitosos da contaminación, monitorizar a aflatoxina no leite ata que chegue a niveis normais e controlar o caso ata a adopción de medidas correctoras, coma poden ser, entre outras, ensilados con correctas condicións de temperatura, humidade e compactado” e recordou que a zona de Santa Comba é endémica ao helminthosporium.
Para rematar, Iván Mato, veterinario especializado en ruminantes, centrouse na redución de perdas económicas das explotacións causadas por mamite e por medicamentos animais, pois, afirmou: “As autoridades sanitarias falan dunha soa saúde, animal e humana. Hai que limitar e usar responsablemente os antibióticos nas vacas pois poden chegar eventualmente a nós a través da dieta; non se deben usar como preventivo”.
Sobre a mamite, recordou que o risco aumenta nas semanas previas se posteriores ao parto e recomendou, ao ser unha enfermidade contaxiosa, identificar pronto as vacas afectadas, extremando as precaucións en muxido e benestar: “Manter as muxidoras en bo estado, usar panos individuais e guantes, evitar superpoboamento das granxas, manter a hixiene do recinto, equipamentos e camas”.
Rematou destacando que a mamite é a patoloxía máis custosa nunha explotación de leite explicando xeitos de calcular a perda de ingresos que supón: “Cómpre sumar o custo do tratamento da mamite clínica, a perda de produción por reconto celular somático e as perdas de climas por calidade. Usar vacinas axeitadamente pode supor un retorno económico para a explotación de arredor de seis euros”.
Rede Eusumo
A iniciativa está impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, no territorio de actuación.




