Técnicos de AGACA impartirán un obradoiro dirixido a membros do actual consello reitor da cooperativa Martín Códax, a persoas interesadas en desempeñar un cargo nel no futuro e a persoas mozas e mulleres socias da entidade vitivinícola.
A formación desenvolverase en catro sesións, os días 3, 10, 17 e 24 de outubro, nas instalacións de Martín Códax en Cambados (Pontevedra). O temario comprende catro módulos:
Marco xurídico do cooperativismo I desenvolve os principios cooperativos, establece comparacións entre a empresa cooperativa fronte a outros modelos societarios e explica os estatutos e réxime interno, así como as responsabilidades e funcionamento do consello reitor.
Marco xurídico do cooperativismo II, pola súa banda, desenvolve o réxime social dunha cooperativa (tipos de socios, altas e baixas, dereitos e obrigacións, normas de disciplina social), define os órganos sociais e seccións das cooperativas (a súa creación e funcionamento) e profunda no asociacionismo cooperativo.
Réxime económico do cooperativismo I explora tres áreas: en canto ao réxime económico das cooperativas, pon de relevo a súa diferenzas coas empresas mercantís, como son contar cun fondo de reserva obrigatorio e outras reservas, o fondo de educación e promoción cooperativo, a relación económica da persoa socia coa cooperativa e mesmo confronta o capital social e o cooperativo. Con respecto ao réxime fiscal das cooperativas agrarias, expón as vantaxes das cooperativas especialmente protexidas e as cooperativas protexidas. En terceiro lugar, explica o réxime económico dos socios (as súas achegas económicas, retornos etc.).
Finalmente, o módulo Réxime económico do cooperativismo II aclara conceptos básicos de xestión económica e financeira, así como interpretación e análise de balances.
AGACA imparte formación para consellos reitores en virtude do convenio entre Cooperativas Agro-alimentarias de España e o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación polo que se leva a cabo programa de actuacións 2024 en materia de formación para profesionalización, igualdade e remuda xeracional en consellos reitores das cooperativas.
Patrocina![]() |
Organiza![]() |
Colabora![]() |
|







