- O alumnado de primaria do CEIP Padre Feijoo (Allariz) tomaron parte esta mañá na última xornada do programa “Almorz@ con Beizos Brancos”.
- O programa de fomento dos almorzos sans entre escolares comezou o curso pasado, cando se repartiron máis de 500 almorzos. Este curso, a cifra acadou os 944.

Máis de 40 alumnos de quinto de Primaria do colexio Padre Feijoo, de Allariz, tomaron parte esta mañá en “Almorz@ con Beizos Brancos”, organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa”.
A nutricionista María Fernández comezou a actividade ofrecendo diferentes alimentos saudables para chegar á escola cunha correcta achega enerxética, e valorou as propostas dos estudantes en relación cos valores nutricionais de distintos produtos. A continuación, para destacar o valor do leite tanto no plano alimentario como tamén social, desenvolveuse un xogo para mostrar o itinerario do leite dende a vaca ata a mesa.
A xornada rematou coa degustación dun almorzo composto por leite enteiro adozado con cacao puro e mel, pan galego con aceite e froita natural.
Longo percorrido
En 2015 comezou o convenio entre Obra Social “la Caixa” e AGACA, no que se enmarca “Almorz@ con Beizos Brancos”. Durante a primeira andadura de “Almorz@ con Beizos Brancos”, o curso pasado, repartíronse 518 almorzos en 11 centros educativos. Este curso, 944 estudantes tomaron parte, dende outubro, no programa, que recalou en 20 centros educativos.
O obxectivo do convenio entre Obra Social “la Caixa” e AGACA é conseguir melloras na calidade de vida de distintos grupos sociais, atendendo a necesidades específicas: mellora alimentaria entre escolares con “Almorz@ con Beizos Brancos”, empoderamento das mulleres socias de cooperativas e fomento da súa participación en órganos de decisión, con “Atrévete Contigo Mesma”, promoción do acceso de persoas mozas á actividade agraria con “Incorpórate” e envellecemento activo e atención a persoas maiores en “Coidar, coidarte”.




