AGACA impulsou durante o mes de xuño de 2025 diferentes edicións do curso de Aplicador/Manipulador de produtos fitosanitarios. Nivel básico en varias cooperativas, que permitiron formar un total de 66 persoas.
As accións leváronse a cabo en Coreber e Aira, en modalidade presencial, con alumnado que completou con éxito a formación (17 mulleres e 49 homes).
O programa afondou en todos os contidos establecidos polo Anexo IV do Real Decreto 1311/2012. Os módulos abordaron a identificación e descrición das pragas dos cultivos, a clasificación e características dos produtos fitosanitarios e a interpretación de etiquetas e fichas de seguridade. Tamén se trataron os riscos ambientais, as boas prácticas para reducir a contaminación e a eliminación de envases, así como os perigos para a saúde das persoas, incluíndo medidas preventivas, primeiros auxilios e estruturas de vixilancia sanitaria.
Outro bloque centrouse na exposición do persoal aplicador e na utilización de equipos de protección individual, con prácticas de identificación e uso de EPIs. Así mesmo, analizouse a secuencia correcta de transporte, almacenamento e manipulación dos produtos, os métodos de control de pragas —incluíndo alternativas ao uso químico— e a preparación, mestura e aplicación dos tratamentos. O alumnado recibiu formación sobre métodos de aplicación, equipos de tratamento, mantemento e inspección, e realizou prácticas de aplicación no campo.
O curso completouse con contidos sobre relación traballo-saúde, normativa de prevención de riscos laborais, e métodos para identificar produtos ilegais, así como os riscos, infraccións e sancións asociadas ao seu uso.
Estes cursos pertencen ao Plan de Apoio ao Fortalecemento e Consolidación das Cooperativas Agroalimentarias Galegas. Este plan de apoio, á súa vez, enmárcase no Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Socia, EFESO, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus para o período 2021-2027, e na Convocatoria para a cofinanciación por parte do Fondo Social Europeo Plus de proxectos destinados a apoiar o crecemento, fortalecemento e consolidación de entidades e empresas da economía social, especialmente cooperativas, sociedades laborais, confrarías de pescadores ou mutualidades de previsión social, xestionada pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), na súa calidade de organismo intermedio.
![]()




