En menos de dez anos a gran maioría das persoas agricultoras e gandeiras actuais estará en idade de xubilarse. Por iso, as cooperativas debemos espabilar a crear servizos relacionados coa produción agraria e gandeira. É unha oportunidade que temos, pois a nosa figura xurídica e a nosa filosofía adáptanse mellor que calquera outro modelo de empresa para crear servizos relacionados coa produción. Pero non queda moito tempo, debemos facelo axiña e non estar dándolle voltas día tras día, sen adoptar decisións sobre este cometido, xa que apenas temos marxe para poñer en marcha estruturas de crecemento da produción agraria e gandeira nas cooperativas antes de que o abandono estenda socialmente o seu manto.
Dispoñer de servizos de maquinaria en común, sistemas de acceso a terras e a explotacións próximas ao abandono, dispoñer de servizos de apoio á produción… son pasos previos estratéxicos na dirección axeitada. Esta estratexia tamén será básica para os que continúen no sector.
Estamos diante dunha situación de emerxencia demográfica no agro
Estamos diante dunha situación de emerxencia demográfica no agro. Unha conxuntura de crise que supón unha ameaza para a supervivencia mesma do sector. As cooperativas teñen que abordar o reto da substitución xeracional ao que se enfronta a totalidade do sector agropecuario. Os menores de 40 anos só xestionan o 11% do total das explotacións agrícolas comunitarias das cales as mozas agricultoras representan unicamente o 3%. Para poder seguir sendo competitivos, o desafío máis importante ao que se enfrontan os sectores agrogandeiros e forestais europeos é convencer a máis mozos e mozas para que se dediquen á produción agropecuaria.
As cooperativas agrarias podemos, e debemos, xogar un papel importante á hora de axudar á mocidade a superar os obstáculos que lle impiden dar inicio á súa actividade no sector. Podemos e debemos axudar subministrando servizos de orientación e axuda para potenciar a súa integración. Tamén é importante garantir a representación da mocidade agraria e gandeira nas empresas cooperativas e asegurar unha representación equilibrada de mulleres e homes nos órganos de goberno.
Está claro que hai que redobrar os esforzos para desacelerar esta tendencia que pode chegar a poñer en perigo non só a sostibilidade do sector a longo prazo, senón tamén a seguridade alimentaria. A cooperativa agroalimentaria é unha empresa que pertence ás persoas socias cooperativistas e nela as decisións tómanse por vía democrática. Este labor conxunto vese impulsado por unha necesidade patente de mellorar a posición das persoas socias, agricultoras e gandeiras, na cadea de subministración de alimentos, multiplicar o valor engadido dos seus produtos, reducir os custos de produción e estimular a sostibilidade do sector. A maioría son empresas prósperas que agrupan a persoas socias de distintas xeracións en torno a obxectivos económicos, sociais e medioambientais
comúns.
As cooperativas temos que crear servizos para afrontar o abandono de terras e explotacións, e reiterar o noso compromiso coa mocidade.
As cooperativas temos que crear servizos para afrontar o abandono de terras e explotacións tratando de incrementar a produción, e reiterar o noso compromiso a través de medidas que permitan á mocidade e aos recentemente chegados ao agro desenvolver as súas capacidades empresariais e de xestión e abrirlles novas oportunidades económicas nas súas granxas e nas comunidades rurais coa finalidade de facer fronte ao reto que supón a substitución xeracional.
Ler revista completa:




