As explotacións punteiras de hoxe pouco teñen que ver coas de hai 20 ou 30 anos. A maquinaria, as innovacións tecnolóxicas permiten reducir custos, optimizar beneficios e dedicar menos tempo as tarefas cotiáns. Jesús Sánchez é un apaixonado da súa profesión, a gandería; cursou un ciclo superior de Gandaría e Asistencia Animal en Fonteboa e, nese tempo, coñeceu experiencias diferentes en países coma Francia ou Irlanda que lle sorprenderon e axudaron a darse conta de que a organización e a mecanización son claves para o éxito económico e persoal como gandeiro.
Jesús estivo visitando explotacións gandeiras en Francia en tres ocasións e fixo prácticas durante dous meses e medio en Irlanda. O que máis lle sorprendeu, en Irlanda, por exemplo, foi comprobar que as producións eran bastante máis reducidas que aquí, e que contaban con grandes extensións territoriais o que lles ofrecía outras posibilidades de rendementos económicos con moitos menos custos. A modo de exemplo, relata: “De media podían traballar 120 ha de terreo, tiñan as vacas en pastoreo e dábanlle sobre 3 kg de concentrado vaca/día mentres que aquí dáselle uns 12 kg vaca/día”.
A clave do éxito financeiro das explotacións que coñeceu en Francia reside en que, segundo Jesús, as vacas, en realidade, son unha actividade secundaria, unha escusa para cobrar as axudas destinadas á extensión territorial. “Plantan as fincas con cereais ou colza e venden todo o excedente, que non precisan para alimentar aos animais. A rendibilidade está en que lles queda practicamente limpo o importe da PAC e o da venda dos cereais”, aclara.
“En Francia tiñan as vacas para poder cobrar as axudas dedicadas ao terreo e poder producir cereais ou colza”
Da súa experiencia no exterior quedóuselle marcada a necesidade de aspirar a unha maior extensión territorial aínda que recoñece que non é doado: “Mentres alí unha ha de terreo pode custar uns sete ou oito mil euros, aquí pode valer uns 20.000 euros”, sinala, “ademais procuramos que as fincas non estean máis lonxe de 6 quilómetros, ser máis eficiente nos cultivos, obtendo máis toneladas de millo e herba por hectárea, reducir custos a través da tecnoloxía e mellorar a xenética dos animais.
Coa súa incorporación á explotación familiar mudou a forma de levar a explotación, agora é máis profesional estúdanse os custos de producir e os rendementos. Segundo Jesús, melloraron os números e ata, outros gandeiros teñen solicitado asesoramento “Procuramos axudarnos entre todos”.
“Son intranquilo, gústame seguir aprendendo e cambiando rutinas”.
Este mozo recoñece que lle non lle importa cambiar rutinas no traballo: “Leo e vexo en Internet vídeos de xeitos diferentes de xestionar as explotacións que logo miramos en familia e valoramos”. Traballa para mellorar os rendementos económicos, facilitar o traballo e mellorar as condición na granxa: “Hoxe en día é posible ter vacacións e fins de semana sendo gandeiro”.
Preguntado pola viabilidade da actividade agrogandeira é firme. Teno clarísimo: “Tendo paixón e marcándose obxectivos é totalmente viable vivir dignamente do campo”. En canto á formar unha familia pensa que non terá problema en creala no rural”.
Ademais da Sociedade, son socios da CUMA, “Olas”, aínda que exclusivamente para o servizo do carro mesturador e da cooperativa “Central de Frades”.




