- ES-Factory USC-Impulsa ofrece formación, mentoría e apoio na busca de financiamento para persoas emprendedoras que desenvolvan iniciativas enmarcadas nas economías emerxentes.
- O prazo para participar no programa de aceleración dirixido a proxectos de economía social termina o 18 de marzo.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), no seu compromiso co fomento do emprendemento e a innovación social, lanza unha convocatoria de ES-Factory USC-Impulsa, un programa de aceleración dirixido a proxectos de economía social. A convocatoria permanecerá aberta ata o 18 de marzo, ofrecendo a persoas emprendedoras e proxectos de emprendemento a oportunidade de participar nun itinerario de alto rendemento para fortalecer e consolidar as súas iniciativas.
Este programa, promovido pola USC, enmárcase dentro da estratexia para impulsar a innovación e a sustentabilidade empresarial dentro das economías emerxentes da man da economía social. Durante máis de catro meses, as persoas participantes recibirán formación especializada, mentoría, titorías personalizadas e apoio na busca de financiamento, co obxectivo de acelerar o desenvolvemento de proxectos viables e sostibles no ámbito da economía social.
A aceleradora está deseñada para fomentar a creación e consolidación de iniciativas empresariais en sectores estratéxicos como a economía verde, azul, laranxa, amarela e prateada. Entre os seus principais obxectivos atópanse:
- Identificar e potenciar novas ideas e liñas de negocio dentro da economía social.
- Proporcionar formación e acompañamento experto.
- Ofrecer ferramentas para a avaliación e capacitación das persoas emprendedoras, fortalecendo as súas competencias empresariais.
- Fomentar o networking e a creación de sinerxias entre as persoas participantes e outros axentes do ecosistema de economía social.
O programa esta aberto a catro grandes grupos de persoas destinatarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal:
- Persoas emprendedoras interesadas en crear e impulsar os seus proxectos empresariais de economía social.
- Proxectos de economía social promovidos por empresas do territorio transfronteirizo xa creadas e en fase de consolidación que queiran acelerar os seus proxectos ou alcanzar un salto de escala; deseñando novos produtos, novas liñas de negocio, novos procesos de xestión …
- Outras empresas de Galicia e do norte de Portugal constituídas baixo outras fórmulas xurídicas que queiran transformarse en empresas de economía social.
A Universidade de Santiago de Compostela, como institución de referencia na xeración e transferencia de coñecemento, reforza con esta iniciativa a súa aposta polo emprendemento e a economía social como motores de desenvolvemento sostible e innovación. A través de ES-Factory USC-Impulsa, a USC non só ofrece recursos e acompañamento aos emprendedores, senón que tamén contribúe activamente á creación dun tecido empresarial comprometido coa transformación social e o crecemento económico sostible.
As accións realizadas baixo o proxecto 0259_ES_Factory_1_E están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea.
Para máis información sobre a convocatoria e o proceso de inscrición, pódese consultar a web: https://usc.es-factory.eu/
AGACA é unha das entidades que traballa en ES-Factory. O proxecto ES FACTORY conta cunha subvención FEDER por importe de 1.368.976,08 € para o desenvolvemento do seu programa ata o ano 2026.
ES-FACTORY é un proxecto cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea no marco do Programa de Cooperación INTERREG VI-A ESPAÑA – PORTUGAL (POCTEP) 2021-2027



