- Ata o 28 de abril está aberto o prazo de contratación para o seguro de cultivos forraxeiros.
- Pódense asegurar explotacións de millo forraxeiro, alfalfa forraxeira, veza forraxeira e outros cultivos forraxeiros para feo.
- Máis información chamando ao 698153510 ou escribindo a montse@agaca.coop.

Que cultivos se poden asegurar dentro da liña 315?
Dentro desta liña pódense asegurar as explotacións de millo forraxeiro, alfalfa forraxeira, veza forraxeira e outros cultivos forraxeiros para feo.
Tamén entran nesta categoría de seguro as sementes forraxeiras e as producións de palla dos cultivos de cereais de inverno (trigo duro e tritordeum, trigo brando, cebada, avea, centeo, triticale e mesturas) e dos pastos dedicados ao gando.
Que danos cobre este seguro?
Contratar esta póliza garánteche o pago dunha indemnización (dentro dos límites marcados na normativa do contrato) polos danos sufridos nas producións.
Este seguro cobre os danos que poida sufrir a produción por un custo reducido, unha prima facilmente asumible polo propietario da explotación.
Asegurar unha hectárea de millo pode oscilar entre 9 e 14 euros, e dá cobertura a riscos tan valorados como as Adversidades climáticas (como seca), fauna silvestre como o xabaril, pedrisco ou incendio. Tamén son asegurables a non nascencia e o resto de adversidades climatolóxicas.
A contratación deste seguro garante a cobertura dende o momento da sementeira, cunha carencia de 6 días, finalizando no momento da recolección.
Cal é o prezo de produción?
Con respecto ao ano pasado aumenta o prezo de produción por quilo. Pasa de 0,038€/kg a 0,046€/kg.
Existen 3 módulos diferentes para adaptarse ás necesidades de cada explotación.
Os módulos 1 e 2 teñen as mesmas coberturas cunha única diferenza: no Módulo 1, o cálculo da indemnización faise por explotación completa (Comarca) e no módulo 2 faise por parcela (exceptuando as coberturas de non nascencia e adversidades climáticas).
Nestes módulos 1 e 2, a produción vén determinada por AGROSEGURO en función dos rendementos máximo de cada zona e a superficie de cada parcela.
No terceiro módulo, denominado Módulo P, non cobre a non nascencia nin o resto de adversidades climáticas. Neste módulo a produción é de libre fixación por parte do asegurado.
Podemos afirmar que o módulo máis contratado é o Módulo 2, xa que nel pódese calcular o dano por parcela afectada.
Cal é o periodo de contratación?
Nestes momentos e ata o día 28 de abril pódese contratar calquera dos 3 módulos.
A partir do 28 de abril soamente estará dispoñible o módulo P, aberto ata o 15 de xullo do 2023. Estas garantías finalizan o 31 de outubro de 2023.
Que restricións de cobertura existen?
- Cobertura: nos módulos 1 e 2, para o cultivo de millo forraxeiro e determinados riscos, o garantido será o 70% do valor da produción declarada polo asegurado. No módulo 2 este garantido aplícase só nos sinistros de non nascencia e resto de adversidades climáticas, ao resto de garantías aplícaselles franquía.
- Mínimo indemnizable: para cada risco, cultivo e módulo aplicarase un limiar mínimo de danos, entre o 10% e o 30%, por baixo do cal os danos non estarán cubertos.
- Franquías: para cada risco, cultivo e módulo aplicaranse franquías absolutas, entre o 10% e o 30%. Estas franquías aplicaranse de forma independente para cada parcela ou de forma conxunta para o total da explotación, segundo risco e módulo.
- Non entran nas coberturas os sinistros provocados por: pragas e/ou enfermidades, seca (excepto para o millo forraxeiro da área I), fisiopatías ou os danos ocasionados por fermentación ou oxidación.
SOLICITA INFORMACIÓN:
Montse Ventura
698 153 510
montse@agaca.coop



