- A organización alerta do impacto que determinadas prácticas de comercialización poden ter sobre a viabilidade das granxas lácteas españolas.
Cooperativas Agro-alimentarias de España manifesta a súa preocupación ante a detección no mercado de prácticas comerciais na venda de leite envasado que poden xerar confusión no consumidor respecto á orixe real do produto.
Nos lineais dalgunhas cadeas de distribución están a comercializarse briks de leite que incorporan denominacións, elementos gráficos ou símbolos asociados a territorios tradicionalmente vinculados á produción láctea en España, mentres que na etiquetaxe figura como orixe “Unión Europea”.
Aínda que a orixe está indicada conforme á lexislación aplicable, a utilización de determinados elementos de márketing induce ao consumidor para asociar o produto con leite de orixe nacional, cando en realidade procede doutros países europeos.
Cooperativas Agro-alimentarias de España considera que, nun contexto de crecente sensibilidade por parte dos consumidores cara á orixe dos alimentos, resulta fundamental reforzar a transparencia e claridade na información facilitada no punto de venda, evitando calquera elemento que poida dar lugar a interpretacións equívocas.
O sector lácteo nacional atravesa dende hai anos unha situación estrutural complexa, marcada polo descenso continuado do número de explotacións. Neste contexto, a estabilidade e o equilibrio na cadea de valor resultan esenciais para garantir a continuidade da actividade produtiva e o mantemento do tecido económico e social no medio rural. Estabilidade que se está poñendo en risco pola importación de leite moi baixos prezos, mesmo por baixo dos custos de produción, xa que está a xerar distorsións no mercado e engadindo presión sobre os prezos en orixe que perciben os gandeiros.
Cooperativas Agro-alimentarias de España subliña igualmente que prácticas similares están a observarse en determinados produtos transformados, como os queixos, cuxa crecente presenza nos lineais a prezos reducidos pode afectar o posicionamento e competitividade das producións nacionais.
Cooperativas Agro-alimentarias de España fai un chamamento a todos os elos da cadea —produción, industria e distribución— para actuar con responsabilidade e reforzar os principios de transparencia, lealdade comercial e equilibrio recollidos na normativa da cadea alimentaria, e ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que faga unha vixilancia intensa da evolución do mercado lácteo no noso país e que poña en marcha as medidas necesarias para manter o tecido produtivo do noso país.
Do mesmo xeito, convida aos consumidores a prestar atención á etiquetaxe da orixe dos produtos lácteos, lembrando que a súa decisión de compra ten un impacto directo na sustentabilidade do sector gandeiro español e no mantemento dos nosos territorios.
Garantir unha información clara e veraz, así como unhas condicións económicas que permitan cubrir os custos de produción e obter unha rendibilidade razoable, é imprescindible para asegurar o futuro do sector lácteo, a substitución xeracional e a cohesión territorial.



