COMUNICADO DE PRENSA: CAIXA RURAL GALEGA
Caixa Rural Galega nomea novo presidente tralo falecemento de D. José María Pardo Montero na Asemblea anual celebrada en Lugo este sábado
- O 28 de maio celebrouse a Asemblea Xeral de Caixa Rural Galega que no ano do seu cincuenta aniversario nomeou como novo Presidente a D. Manuel Varela López, relevando a D. José María Pardo Montero, quen ostentou a presidencia dende o ano 1986 ata o seu falecemento no pasado mes de outubro.
D. Manuel Varela, ata agora Presidente en funcións e Vicepresidente dende xuño de 2015, é profesor de ensinanza secundaria, e leva anos vinculado ao sector agroalimentario e ao cooperativismo galego. Formou parte do Consello Reitor da Cooperativa Melisanto dende o ano 1992 ao 2008, é membro do “Consello Galego de Cooperativas” dende o ano 2006 e forma parte do Consello Reitor de Caixa Rural Galega dende o ano 2000. Tamén foi nomeado nesta Asemblea como Vicepresidente da entidade D. Venancio Manuel Rocha López, membro do Consello Reitor dende o ano 1992.
Entre outros asuntos da orde do día, aprobáronse as contas do exercicio 2015, das que cabe destacar que Caixa Rural Galega acadou un resultado neto superior os 3,1 millóns de euros, o que supuxo un incremento de preto do 70% respecto ó exercicio precedente. Esta notable evolución débese basicamente á mellora de marxes, sobre todo na primeira parte do ano, a un maior volume intermediado e ás inferiores necesidades de dotacións por morosidade e activos adxudicados. Os depósitos superaron os 720 millóns de euros cun crecemento do 6% respecto de 2014, acadando, como ven sendo habitual, un novo máximo histórico. O investimento crediticio mantívose practicamente plano respecto do 2014, ó experimentar un lixeiro decrecemento do 0,51%.
A Entidade considera que afronta o futuro cunha boa posición de saída, pero o panorama para os próximos anos divísase con importantes desafíos. Unha etapa de tipos de interese en mínimos históricos, mesmo negativos, e unha regulación e requirimentos cada vez máis esixentes, dificultarán a actividade do sector. Por outra banda, a dixitalización do negocio bancario e o maior protagonismo futuro de novos competidores centrados en canles alternativas supoñen retos para o conxunto do sector.
Todas estas cuestións tradúcense en desafíos para a única cooperativa de crédito galega que cumpre 50 anos de andaina, convencida de que poderá adaptarse ás transformacións comentadas, para deste xeito, seguir escribindo páxinas da súa historia. Unha historia que nace alá polo ano 1966 en Lugo co obxectivo de servir ás necesidades financeiras do sector agrario, moi necesitado por aquel entonces de impulsos e instrumentos que lle permitiran modernizarse. Hoxe acada ás catro provincias galegas e a todos os sectores produtivos dende as 46 oficinas que conforman a súa rede.
A Asemblea tamén serviu para homenaxear aos tristemente falecidos durante o ano 2015 D. José María Pardo Montero e D. Luciano Sánchez García, que durante moitos anos exerceron os cargos de Presidente e Vicepresidente da Entidade respectivamente e que foron lembrados para agradecer e recoñecer o seu labor.




