—Subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas. Ata 01/03/2023

Información da axuda

Derogada / Fóra de prazo

RESUMO ELABORADO PORAgaca

Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación”(formato PDF) e a Orde completa no ligazón web. 

— RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR708A). AGADER (DOG Nº 20, 30/01/2023).

OBXECTO

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas, que se xuntan a esta resolución como anexo I, co código de procedemento administrativo MR708A.

2. Convocar para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas.

3. Aprobar os anexos que se xuntan a esta resolución para a xestión da convocatoria.

FINANCIAMENTO

1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 3.400.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 14-A1-712A-770.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2023 (código de proxecto 2016-00004), coa seguinte distribución por anualidades e tipoloxía de proxectos:

Tipoloxía de proxectos

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Importe total

Proxectos de adquisición de bens de equipamento en empresas existentes

2.650.000 €

0 €

2.650.000 €

Proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo

300.000 €

450.000 €

750.000 €

2.950.000 €

450.000 €

3.400.000 €

Segundo o número de solicitudes presentadas e resoltas para cada tipoloxía de proxecto, no suposto de que exista remanente de crédito asignado nalgunha delas, poderá redistribuírse o crédito entre ambas co obxecto de atender o maior número de actuacións, baixo a perspectiva da eficiencia na asignación dos recursos públicos.

Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (no marco da medida 6, submedida 4, Investimentos en actividades non agrícolas, do PDR de Galicia 2014-2020), nun 7,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 17,5 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta convocatoria de axudas tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2023, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei, e o aludido incremento de contía débese publicar no DOG.

PRAZO PRESENTACIÓN SOLICITUDES AXUDA

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

PRAZO XUSTIFICACIÓN INVESTIMENTOS

Para todas as tipoloxías de proxectos subvencionables, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2023 será o 15 de setembro de 2023.

No caso de proxectos de posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, o prazo para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2024 será o 1 de agosto de 2024. A esta xustificación poderán imputarse, igualmente, os gastos executados desde a finalización do prazo de xustificación correspondente á anualidade 2023.

PERSONAS BENEFICIARIAS

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, sempre que cumpran os demais requisitos previstos nelas:

a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2022.

No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo admitiranse empresas en constitución ou constituídas con posterioridade á data anteriormente sinalada, debendo, en todo caso, estar constituídas con anterioridade á data de xustificación correspondente ao exercicio 2023.

Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2022.

No caso de proxectos de posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, admitiranse novas altas no réxime especial de traballadores autónomos con posterioridade á data antes sinalada, debendo, en todo caso, darse de alta no réxime especial de traballadores autónomos con anterioridade á data de xustificación correspondente ao exercicio 2023.

Para estes efectos considerarase zona rural todo o territorio de Galicia, con excepción das parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). No enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda, estará dispoñible a relación de zonas densamente poboadas (ZDP).

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2022. No caso de persoas xurídicas, deberán estar constituídas antes da citada data.

No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, admitiranse novas altas no réxime especial de traballadores autónomos ou ben a constitución de persoas xurídicas, con posterioridade á data antes sinalada, debendo, en todo caso, darse de alta no réxime especial de traballadores autónomos con anterioridade á data de xustificación correspondente ao exercicio 2023.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

2. Non poderán ser beneficiarias das axudas:

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

– As empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura, nin as que están dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

– As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

3. Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito exixido polas disposicións aplicables.

PROXECTOS SUBVENCIONABLES

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á:

a) Adquisición de bens de equipamento co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

1º. Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

2º. Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.

3º. Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.

4º. Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…).

5º. Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

6º. Artesanía e actividades artesanais.

7º. Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

8º. Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

9º. Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

b) Posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación da correspondente convocatoria destas axudas, nos mesmos sectores e ámbitos de actividade sinalados na letra a) do número 1 deste artigo.

2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente o solicitante, se esta data é anterior.

Só no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, o persoal técnico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural comprobará que os investimentos non están iniciados mediante a realización dunha acta de non inicio durante a fase de revisión da solicitude de axuda. Se o solicitante desexa iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, deberá achegar un acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra, instalación ou equipamento.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia.

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os proxectos que se desenvolvan nas parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016).

No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades nas aldeas modelo declaradas polo órgano de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, os proxectos subvencionables serán aqueles que se desenvolvan no perímetro que conforma a zona de actuación integral de cada unha delas, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración. De ser o caso, o territorio elixible abranguerá os núcleos de poboación que, estando situados fóra do perímetro que delimita a aldea modelo, lle dean nome e sexan lindeiros co propio perímetro da aldea

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nas presentes bases.

f) No caso de proxectos de adquisición de bens de equipamento para mellorar, ampliar ou modernizar as empresas existentes, o investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante.

Para estes efectos, deberá acadar algún dos seguintes obxectivos:

1º. Aumentar a competitividade da empresa.

2º. Reducir os custos.

3º. Aumentar o valor engadido.

4º. Reducir o impacto ambiental.

5º. Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.

6º. Diversificar as producións e/ou os mercados.

7º. Mellorar a calidade das producións.

8º. Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

9º. Mellorar a comercialización das producións.

Para acreditar isto, na memoria resumo do proxecto (anexo III) deberase xustificar expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

g) As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta convocatoria.

h) Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 10.000 € e/ou superior a 220.000 €.

No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 € e 100.000 € respectivamente.

Os límites indicados nesta epígrafe non se aplicarán no caso de proxectos promovidos en aldeas modelo, tanto para proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais como para aqueles outros de mellora, ampliación e/ou modernización mediante a adquisición de bens de equipamento.

i) Nos proxectos de posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo será necesario acreditar a xeración de emprego, cando menos, equivalente a 0,5 UTA.

Para os efectos do disposto nestas bases reguladoras, e nos termos previstos no anexo I do Regulamento 651/2014, unha UTA equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA.

A xeración de emprego obrigatoria nos termos expostos non será obxecto de baremación ao abeiro do artigo 16.1.V destas bases reguladoras.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

o prazo de presentación de solicitudes finaliza o 01 de MARZO de 2023.

  • Facebook
  • Twitter