— Axudas á plantación de castiñeiro para froito e rexeneración de soutos. Ata 14/06/2024.

Información da axuda

Derogada / Fóra de prazo

RESUMO ELABORADO POR AGACA

Pode consultar/descargar este resumo da Orde  en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.

— ORDE do 30 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU, e se convocan para o ano 2024. Consellería do Medio Rural. DOG No 93, 14/05/2024.

OBXECTO

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e convocalas para o ano 2024 a través de dúas liñas de axudas:

– Liña I: fomento de plantacións de castiñeiro para froito.
– Liña II: rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiro.

BENEFICIARIAS

1. Serán persoas beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

2. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC.

INTENSIDADE E COMPATIBILIDADE DA AXUDA

1. A intensidade da axuda poderá ser de ata o 100 % do investimento total subvencionable e o seu importe calcularase sobre o custo real subvencionable do investimento determinado no correspondente proxecto técnico ou no anexo IV, segundo sexa o caso.

2. A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para a mesma finalidade e obxecto, sempre que sexa para a mesma superficie. Non obstante, para a liña II a incompatiblidade restrínxese ás subvencións concedidas nos últimos cinco anos, para a mesma finalidade, obxecto e superficie.

3. Tanto na solicitude da axuda como na solicitude de pagamento, a persoa beneficiaria deberá indicar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

4. O IVE non é subvencionable.

ACTUACIÓNS OBXECTO DE AXUDA E IMPORTES MÁXIMOS SUBVENCIONABLES

1. Para a liña I, Fomento de plantacións de castiñeiro para froito, as actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes.

1º. A plantación de castiñeiro, que poderá incluír os gastos de tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta, a plantación, a protección da planta (mediante protectores e titores) e a sementeira de especies herbáceas.
Deberán usarse as variedades de castiñeiro para froito que figuran no anexo VIII da presente orde, enxertados sobre portaenxertos de Castanea sativa Mill. ou Castanea X hybrida

Os importes máximos do investimento en euros por hectárea de actuación, serán os seguintes segundo a densidade de plantación:
– 4.875 euros para plantacións de planta enxertada de densidade igual a 100 plantas por hectárea.
– 4.875 euros para plantacións de planta enxertada de densidade igual a 204 plantas por hectárea,.
– 4.140 euros para plantacións de planta enxertada de densidade igual a 69 plantas por hectárea.
– 3.645 euros para plantacións de planta enxertada de densidade igual a 50 plantas por hectárea.

2º. Os peches perimetrais cando se xustifique a súa necesidade (manexo de gando, fauna… independentemente do tipo de persoa beneficiaria) e segundo as condicións técnicas mínimas recollidas no anexo X.

O importe máximo do investimento en euros, que se calculará aplicando os valores recollidos no anexo IX, será de 9.760 euros por quilómetro de peche perimetral. No obstante, a repercusión máxima total por hectárea de actuación no peche perimetral será de 3.000 euros

3º. O panel informativo, en consonancia coa obrigatoriedade da persoa beneficiaria de facer mención á orixe do financiamento das actuacións que se realicen ao abeiro desta orde, que se deberá localizar dentro ou estremeiras coa área obxecto da actuación nun lugar visible desde o acceso. Subvencionarase un panel por solicitude e polo importe recollido no anexo IX.

4º. Os honorarios de redacción de proxecto técnico, logo de solicitude e só nos casos en que sexa obrigatoria a súa presentación, segundo o máximo por hectárea indicado no anexo IX.

2. Para a liña II, Rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, son subvencionables o conxunto das actuacións silvícolas necesarias, agás a poda que queda excluída nestas mouteiras, para a xestión e o aproveitamento, así como para a restauración dos ecosistemas formados por soutos tradicionais de castiñeiro, que deberán contar con instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, debendo estar previstas nel as accións solicitadas, ou deberán contar coa adhesión ao modelo silvícola CS3. as actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes:

1º. As rozas, a eliminación de abrochos secundarios ou chupóns dos castiñeiros, o tratamento do extracto arbóreo secundario (rareo doutras especies arbóreas distintas dos castiñeiros e/ou eliminación dos castiñeiros non produtivos ou enfermos) e a eliminación ou extracción dos restos que se obteñan como consecuencia do tratamento. Nestas mouteiras queda excluída a poda.

2º. Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiros das variedades para froito recollidas no anexo VIII da orde e enxertados sobre portaenxertos de Castanea sativa Mill. ou Castanea X hybrida.

3º. Outras actuacións do sotobosque: a emenda calcaria, a fertilización e o espedrado.

4º. Loita integral contra a praga do verme da castaña (Cydia sp, Pammene sp etc.), segundo os importes recollidos no anexo IX e coas condicións técnicas mínimas recollidas no anexo X.

5º. Os peches perimetrais cando se xustifique a súa necesidade (manexo de gando, fauna… independentemente do tipo de persoa beneficiaria) e coas condicións técnicas mínimas recollidas no anexo X.

O importe máximo do investimento en euros, que se calculará aplicando os valores recollidos no anexo IX, será de 9.760 euros por quilómetro de peche perimetral. No obstante, a repercusión máxima total por hectárea de actuación no peche perimetral será de 3.000 euros.

6º. Os honorarios de redacción de proxecto técnico, logo de solicitude e só nos casos en que sexa obrigatoria a súa presentación, segundo o máximo por hectárea indicado no anexo IX

Unha mesma superficie non poderá obter axudas por accións enmarcadas nas liñas I e II; non obstante, unha mesma persoa beneficiaria pode obter axudas nas liñas I e II sobre distintas superficies.

PRAZO DE PRESENTACIÓN

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 14 de xuño de 2024.

  • Facebook
  • Twitter