RESUMEN ELABORADO POR
Pode consultar/descargar a Orde en “Documentación”(formato PDF) e a Orde completa no enlace web.
— RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2023, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300F).
OBXECTO
1. Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e a implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, que acaden reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos.
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos colectivos de simbiose industrial nos cales un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.
b) Proxectos individuais nos cales unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.
2. Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b), débense dirixir a un ou varios dos seguintes obxectivos:
1. Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:
– Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.
– Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).
– Monitorización e control de procesos.
– Medición, monitorización e redución da pegada de carbono e pegada hídrica.
2. Reducir a xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade destes e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:
– Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.
– Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.
– Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.
– Ecodeseño: para a redución, reutilización e reciclaxe.
3. Análise do ciclo de vida do produto:
– Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.
– Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sustentable baseadas no principio «berce a berce».
4. Identificación e implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reutilización e reparación dos produtos.
5. Servitización: redución do consumo de recursos co cambio de enfoque á prestación de servizos.
6. Reacondicionamento, remanufactura e reparación avanzada.
7. Creación de cadeas de valor máis curtas.
No anexo V destas bases reguladoras recóllense as definicións dos conceptos básicos que se utilizan para definir estes obxectivos.
Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.
3. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables para a empresa solicitante e, ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración os seguintes:
– Adecuación do proxecto aos obxectivos da convocatoria.
– Requisitos de personalidade física ou xurídica e actividade económica dos solicitantes para seren beneficiarios.
– Contía total dos investimentos subvencionables superior aos importes mínimos fixados.
Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores e procederase á súa valoración competitiva conxunta.
4. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 € para os proxectos individuais e de 10.000 € por participante para os proxectos colectivos.
5. O importe máximo de subvención será de 200.000 € para proxectos colectivos e de 75.000 € para proxectos individuais.
6. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.06.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).
PERSOAS E ENTIDADES BENEFICIARIAS
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.
2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.b).
3. Para poderen solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída, polo menos, por tres pemes con centro de traballo en Galicia. Deberanse facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.
O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller, como mínimo, o seguinte:
a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.
b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela.
c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no formulario electrónico de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.
d) Acordos de confidencialidade.
e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.
f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se cubrirá no anexo III das bases reguladoras.
g) Declaración de vinculación entre empresas integrantes da asociación, cando esta exista.
h) Sinatura de todos os integrantes.
A agrupación de empresas non se poderá disolver ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.
No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán coma unha única para efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas están vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.
4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.
b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos) que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.
c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).
e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
f) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Esta circunstancia acreditarana as sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, de conformidade co previsto no artigo 26 do Regulamento desta lei.
Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.
5. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non encontrarse en ningunha situación que as exclúa de seren beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 para considerar unha empresa en crise.
PLAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 01 de MARZO de 2023.