Concepción Iglesias Pousa, viticultora do Ribeiro e -socia de terceira xeración da cooperativa Viña Costeira, leva máis dunha década como vicepresidenta da entidade. Ademais, dende maio preside a Denominación de Orixe Ribeiro. É un exemplo de compromiso coa tradición vitivinícola e unha firme defensora da participación feminina nos órganos de decisión das cooperativas. A súa traxectoria une o respecto polo legado familiar co impulso á igualdade no sector.
Nacida no Ribeiro en 1965, Concha medrou rodeada de viñas, un ambiente que a marcou profundamente. «Sempre vivín neste entorno, pero dediqueime de pleno á viticultura en 1999, cando asumín as viñas familiares»,explica. Ademais, a relación da súa familia co cooperativismo vén de lonxe: «Sempre fomos socios de cooperativas. En Viña Costeira meu avó foi un dos primeiros socios, despois miña nai e agora son eu».
Viña Costeira, que conta hoxe con arredor de 400 socios, ten unha importante presenza nas Deno- minacións de Orixe Ribeiro e Valdeorras, onde tamén posúe unha adega. Dende decembro de 2010, Concha desempeña o cargo de vicepresidenta, unha responsabilidade que asumiu de forma inesperada. «Propuxéronme ser vogal no Consello Reitor e aceptei, pero foi na asemblea anual cando me decatei de que sería vicepresidenta», recorda con humor.
No seu día a día, valora especialmente o traballo en equipo no Consello Reitor: «Co equipo que temos, é moi fácil. Analizamos os proxectos, debatémolos e tomamos as decisións entre todos». A pesar de ser a única muller no órgano de direc- ción, asegura que non percibe diferenzas no trato nin dificultades engadidas: «Non hai diferenza algunha, son un máis deles».
Concha Iglesias é unha firme defensora de que máis mulleres dean o paso de asumir responsabilidades en postos directivos das cooperativas: «Somos socias e temos dereito a defender o noso dende dentro. Non hai que ter medo, non é complicado. Só tes que dar a túa opinión. Por ser muller non vai ser máis difícil».
Somos socias e temos dereito a defender o noso dende dentro. Non hai que ter medo, non é complicado. Só tes que dar a túa opinión. Por ser muller non vai ser máis difícil
A súa experiencia é un exemplo do valor que achega a igualdade no sector cooperativo. Concha anima a outras mulleres a participar activamente nos órganos decisorios, rompendo barreiras e achegando novas perspectivas:
«Recomendaríao sen dúbida. É unha forma de implicarte máis e contribuír ao futuro da túa cooperativa».
Esta entrevista é posible grazas á actuación financiada a través do Programa de Asistencia Técnica 2024 enmarcado dentro das actuacións do Convenio MAPA-Cooperativas Agro-alimentarias de España para o desenvolvemento de diversas actividades de mellora da competitividade e modernización das cooperativas agroalimentarias e a formación, igualdade e relevo xeracional en consellos reitores.




