- Hoxe deu comezo a IV edición do Máster en Produción Láctea da Universidade de Santiago, en Mabegondo.
- Este curso recibirán formación unha quincena de estudantes.
Esta mañá tivo lugar a xornada inaugural da IV edición do Máster en Produción de Leite impartido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (LIGAL) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Participan este curso unha quincena de estudantes.
A formación estrutúrase ao redor de clases teóricas, prácticas de campo en empresas e viaxes de prácticas. Abarca todos os aspectos involucrados na produción láctea: morfoloxía, fisioloxía e manexo sanitario dos animais, calidade do leite, xestión de instalacións, economía e xestión da produción e a explotación e produción de forraxes.
Ao acto de benvida e presentación asistiron representantes das entidades organizadoras: José Manuel Pereira, director do Máster en Produción de Leite da USC, Manuel López, director do CIAM, Roberto Lorenzana, director xerente do LIGAL e Javier Bueno, vicerreitor de Coordinación do Campus Lugo (USC), xunto coa Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen destacou que o Máster “conta con grandes profesionais de gran prestixio” e se desenvolve nun “momento crucial no ámbito galego; o consumidor demanda institucións cada vez máis profesionalizadas”.
Luaces afirmou: “Os nosos esforzos van orientados a facer chegar a innovación aos profesionais do sector agrogandeiro de modo que permita mellorar as nosas explotacións a nivel nacional e internacional”. Lorenzana, pola súa banda, destacou que “este máster é moi necesario porque o lácteo é o motor vertebrador de moitas comarcas galegas. O alumnado deste máster achegará un plus de coñecemento importante ao agro galego.”
O Máster conta co patrocinio de varias entidades, entre elas a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña e Delagro S. Coop., entidade que organiza e colabora con numerosas iniciativas orientadas á formación.




