- Esta mañá AGACA impartiu dous talleres “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” para estudantes, no marco da Rede Eusumo de fomento da economía social.
- Alumnado de formación profesional do IES Monte Neme asistiu ao de Fundación Terra de Trasancos e escolares de primaria e secundaria do CPI Ponte Carreira visitaron o de Casa Grande de Xanceda.

Un grupo de 48 estudantes de Primaria e Secundaria do CPI de Ponte Carreira (Frades) asistiu esta mañá en casa Grande de Xanceda a un taller sobre as vantaxes que o cooperativismo presenta como opción de crecemento profesional e económico de éxito no medio rural, impartida por técnicos de AGACA.
A continuación visitaron as instalacións de Casa Grande de Xanceda, que funciona baixo o modelo de Sociedade Agraria de Transformación dentro da economía social. Puideron ver así o proceso produtivo dos seus derivados lácteos ecolóxicos. A SAT recibirá mañá a estudantes do CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga para unha actividade similar.

Doutra banda, unha vintena de estudantes de Formación Profesional do IES Monte Neme (Carballo) asistiu en Fundación Terra de Trasancos (Narón) a outra das charlas da iniciativa “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito”.
Percorreron tamén as dependencias de Terra de Trasancos (que funciona como “Centro Rede Eusumo” para a dinamización do emprendemento cooperativo) para coñecer o seu modelo organizativo e os servizos que ofrecen, entre eles produtos de invernadoiro, tenda ou barbería.
Rede Eusumo
Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a rede de colaboración Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.




