- Socias da cooperativa vitivinícola Martín Códax (Vilariño – Cambados) participaron esta mañá nunha das xornadas do programa “Atrévete Contigo Mesma”, que contextualiza e busca solucións ás problemáticas que afectan ás mulleres do medio rural para compaxinar vida profesional e persoal.
- A xornada, organizada por AGACA e Obra Social “la Caixa”, busca motivar ás socias da cooperativa para que accedan ao Consello Reitor, así como escoitar as súas suxestións para a mellora das iniciativas da entidade no que respecta á paridade.
Unha vintena de persoas asociadas á adega cooperativa Martín Códax asistiu esta mañá á xornada “Atrévete Contigo Mesma”, impartida por persoal da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias especializado en igualdade e motivación empresarial.
A primeira parte da charla centrouse en contextualizar o papel da muller no sector cooperativo. Carecer de tempo e o convencemento da propia falta de preparación expuxéronse como principais causas da escaseza de socias implicadas nos Consellos Reitores.
A segunda metade da Xornada, unha sesión de coaching, invitou á participación das asistentes, coas que se debateron dende xeitos de lograr a unha axeitada conciliación entre a vida profesional e laboral ata servizos que deberían incorporar as cooperativas para fomentar a participación activa das mulleres nas súas tarefas e xestión diarias. Tamén se trataron aspectos como a visibilización das capacidades empresariais das mulleres do medio rural para conseguir o seu empoderamento e favorecer a autoestima, de xeito que se motiven para optar a cargos en órganos de decisión das cooperativas agroalimentarias.
Empoderamento
O eido do cooperativismo agroalimentario conta en Galicia con arredor de 13.000 persoas asociadas en máis de 100 cooperativas, segundo os Informes Económicos de AGACA. Só o 12% destas entidades ten mulleres no Consello Reitor, malia seren elas o 49% da masa social.
AGACA e Obra Social “la Caixa”, entidades organizadoras da iniciativa “Atrévete Contigo Mesma”, buscan poñer de relevo as capacidades empresariais das mulleres do eido rural e proporcionarlles ferramentas para mellorar a súa percepción das súas propias habilidades.




