- Corenta profesionais especialistas en nutrición animal e manexo de ensilado participaron na xornada organizada esta mañá por Delagro S. Coop.
- A xornada, que tivo lugar entre as 11:00 e as 14:00 horas, ofreceu métodos eficaces de conservación de silos así como modos de optimizar a alimentación do gando para mellorar a súa saúde sen perder rendibilidade.
A cooperativa de segundo grao Delagro, especializada en servizos e insumos para o sector agrogandeiro, organizou esta mañá unha xornada en Montouto que reuniu ao redor de corenta profesionais do sector, entre veterinarios, nutrólogos e técnicos e gandeiros vinculados ás cooperativas asociadas a Delagro. A actividade forma parte do compromiso de formación continua de Delagro cos seus asociados.
A xornada contou coas intervencións de tres expertos nas áreas de nutrición animal e ensilado. A primeira charla correu a cargo de María Hermida, directora do Laboratorio Mouriscade, impulsado pola Deputación de Pontevedra e especializado en análise de produtos de alimentación animal. Hermida mostrou como evolucionaron as calidades dos silos en base a datos obtidos desde o ano 1997.
Doutra banda, Mario García, director técnico de 3F Technology, compañía especializada en desenvolvemento técnico e comercial de aditivos para alimentación animal, centrou a súa exposición, “Manexo do ensilado: Aplicación de conservantes”, en directrices para obter silos de calidade, para o que recomendou o emprego de inoculantes e conservantes químicos.
Pola súa banda, Miguel Ángel Mariano, profesor na Universidade Politécnica de Madrid, interveu co relatorio “Influencia da calidade da forraxe na ración, nutrición, saúde e custos”. Mostrou resultados nutricionais e económicos de racións alimenticias con diferentes composicións para esclarecer como alimentar correctamente ao gando con ensilados de calidade sen aumentar custos.
Conclusións
A xornada clausurouse destacando as principais liñas en que incidiron os relatores, como a gran importancia da adecuada toma de mostras de análises para determinar a calidade dos silos, posto que, a maior calidade da forraxe, maior inxestión por parte do gando e mellores resultados, mentres que se a calidade é baixa e o gando non come, a rendibilidade da explotación será menor, xa que os custos da acción de ensilar son fixos.
O público participou moi activamente expondo dúbidas sobre as particularidades técnicas de presecado e ensilado (por exemplo, de birlos), e sobre conservantes máis adecuados en función do tipo de forraxe.




