- Máis de sesenta estudantes do CEIP Xesús Golmar, de Lalín, participaron esta mañá na última das xornadas do programa “Almorz@ con Beizos Brancos” previstas para este curso.
- A actividade incluíu unha charla didáctica sobre alimentación sa, exercicios lúdicos e un almorzo equilibrado con produtos naturais.
- O vindeiro curso “Almorz@ con Beizos Brancos” volverá ás escolas en resposta á boa acollida que recibiu por parte dos Centros.
Un grupo de 68 escolares de terceiro curso de primaria do colexio lalinense Xesús Golmar participaron na última das actividades “Almorz@ con Beizos Brancos” prevista para este curso. “Almoz@ con Beizos Brancos” é un programa organizado por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Obra Social “la Caixa” co fin de promover unha nutrición sa entre os escolares, así como facerlles notar a riqueza dos produtos do agro galego.
Escola e fogar
O alumnado de Lalín puido intervir nunha charla coa nutricionista María Fernández, que salientou a importancia do almorzo para o desenvolvemento físico e o rendemento escolar e intelectual dos nenos e nenas.
Entre as propostas achegadas tanto pola nutricionista como polo alumnado, que participou activamente con ideas e dúbidas, destacou a aposta polos produtos naturais fronte aos procesados industrialmente, polos lácteos e polos produtos da terra e froitas de tempada (ambas as opcións máis completas que os zumes), pois os seus azucres compostos supoñen unha achega enerxética maior e tamén mellor repartida ao longo do día.
A modo de exemplo de almorzo completo e saudable, os estudantes probaron pan galego con aceite, mandarinas e leite con cacao e mel.
Complementando a información alimentaria, un xogo didáctico explicou aos participantes todos os procesos polos que pasa o leite dende que se extrae das vacas ata que chega aos seus vasos, co fin de poñer de relevancia non só o valor dos lácteos na dieta senón tamén unha mostra dos traballos e tarefas que compoñen o sector agroalimentario.
Máis de 500 almorzos
Dende o seu comezo, en decembro de 2015, “Almorz@ con Beizos Brancos” percorreu as aulas de 11 centros educativos, repartidos entre as catro provincias, e contou coa participación duns 510 escolares, maioritariamente do segundo ciclo de primaria pero tamén do terceiro e mesmo de educación secundaria.
Ante a boa acollida do programa por parte dos centros educativos, AGACA e Obra Social “la Caixa” prevén retomalo no próximo curso académico, coa intención de dar cabida a máis colexios.




