- Preto de corenta estudantes de primaria CEIP Xesús San Luis Romero (Carballo) participaron na actividade “Almorz@ con Beizos Brancos”, que aconsella sobre almorzos saudables con produtos naturais e mostra o proceso de transformación do leite.
- AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Obra Social “la Caixa” organizan a iniciativa.
Preto de corenta estudantes de terceiro, cuarto e quinto de primaria do CEIP Xesús San Luis Romero tomaron parte na iniciativa de difusión de hábitos de alimentación saudable “Almorz@ con Beizos Brancos”, que por primeira vez se leva a cabo para alumnos de terceiro ciclo de primaria.
A nutricionista María Fernández guiou a actividade, que comezou cunha charla centrada en reforzar a importancia dun almorzo nutritivo e equilibrado para mellorar o rendemento físico e académico, e valorou as propostas dos alumnos e alumnas sobre tipos de alimentos que incluír nun almorzo.
Algunhas opcións sas para incluír no menú matinal son tomar sempre froitas frescas de tempada ou probar con alimentos coma o ovo ou os vexetais, alternando cos tradicionais almorzos con cereais ou galletas.
Ademais da vertente alimentaria, a xornada amosou aos estudantes todos os pasos do proceso de transformación do leite, dende a granxa ata os fogares, a través dun xogo grupal, para dar visibilidade e pór en valor os empregos e a riqueza produtiva vencellados ao sector agroalimentario galego.
Para finalizar, a modo de exemplo de almorzo completo, serviuse leite enteiro con cacao puro e mel, torradas de pan galego con aceite e froita.
Para inculcar tamén nas familias os hábitos de alimentación saudable, repartiuse material didáctico sobre nutrición.
Compromiso social
AGACA e Obra Social “la Caixa” poñen en marcha este programa para impulsar a correcta alimentación dos nenos e nenas de Galicia e fomentar nos fogares hábitos alimentarios saudables, ademais de pór en valor os produtos do agro galego.




