- Cincuenta estudantes de cuarto de primaria do CEIP Concepción Arenal (A Coruña) participaron na actividade “Almorz@ con Beizos Brancos”, que aconsella sobre almorzos saudables con produtos galegos e mostra o proceso de transformación do leite.
- AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Obra Social “la Caixa” repiten xornada no Centro, despois da boa acollida que tivo a actividade entre o alumnado de terceiro.
Medio centenar de nenos e nenas de cuarto curso de primaria do CEIP Concepción Arenal (A Coruña) tomou parte na iniciativa de difusión de hábitos de alimentación saudable “Almorz@ con Beizos Brancos”, que por segunda vez acode ao colexio.
Destacou a implicación dos nenos e nenas, que non cesaron de facer preguntas. Algúns recoñeceron non almorzar na casa, e os que o facían admitiron pouca variedade nas súas opcións: lácteos e galletas, cereais ou torradas.
A charla impartida pola nutricionista María Fernández centrouse en reforzar a importancia dun almorzo nutritivo e equilibrado para mellorar o rendemento físico e académico dos escolares, e propuxo varias opcións para variar os menús matinais de nenos e nenas como incluír sempre froitas frescas de tempada ou probar con alimentos coma o ovo ou os vexetais, para variar.
A modo de exemplo de almorzo completo, os nenos e nenas probaron leite enteiro con cacao puro e mel, torradas de pan galego con aceite e froita.
Ademais, un xogo en grupo amosou aos estudantes todos os pasos do proceso de transformación do leite, dende a granxa ata os fogares, para dar visibilidade e pór en valor os empregos e a riqueza produtiva vencellados ao sector agroalimentario galego.
Para inculcar tamén nas familias os hábitos de alimentación saudable, repartiuse material didáctico sobre nutrición.
Compromiso social
AGACA e Obra Social “la Caixa” poñen en marcha este programa para impulsar correcta alimentación dos nenos e nenas de Galicia e fomentar nos fogares hábitos alimentarios saudables, ademais de pór en valor os produtos do agro galego.




