— Axudas por sobrecusto de fertilizantes e enerxía. Ata 12/11/2026

Información da axuda

Activa

RESUMO ELABORADO POR AGACA

Pode consultar/descargar este resumo da Resolución en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Resolución completa na ligazón “web”.

— RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2026 pola que se establece o procedemento para a concesión dunha axuda financeira directa de emerxencia destinada ás persoas agricultoras afectadas polo sobrecusto dos fertilizantes e da enerxía como consecuencia da crise en Oriente Próximo, ao abeiro do Regulamento de execución (UE) 2026/1894 da Comisión, do 27 de xullo de 2026. Fondo Galego de Garantía Agraria (DOG Nº 207, 29/10/2026)

OBXECTO

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento de concesión directa dunha axuda financeira directa de emerxencia  destinada ás explotacións agrarias de Galicia.

En concreto, a medida ten as seguintes finalidades principais:

  • Compensar sobrecostes de produción: Paliar parcialmente as perdas económicas sufridas polas explotacións agrarias debido ao aumento do prezo dos fertilizantes e do gasóleo agrícola derivado da crise en Oriente Próximo a partir do 1 de marzo de 2026.
  • Garantir a viabilidade económica: Contribuír ao mantemento da actividade e á supervivencia das explotacións afectadas para evitar o abandono da actividade agraria no medio rural.
  • Definir as condicións da axuda: Establecer o réxime para determinar as persoas beneficiarias, os importes asignados e o procedemento de tramitación e comunicación de aceptación.
  • Carácter compensatorio sen sobrecompensación: Responder aos prexuízos reais sufostados polas explotacións sen que se supere o sobrecoste total estimado nin se produza unha sobrecompensación de perdas

 CODIGO DE PROCEDEMENTO : MR243A

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

Segundo o establecido no apartado quinto da resolución, as actuacións e conceptos subvencionables son os seguintes:

  • Compensación polo sobrecoste de fertilizantes: Subvenciónanse as perdas económicas derivadas do incremento de prezos dos fertilizantes suferto dende o 1 de marzo de 2026 a consecuencia da crise en Oriente Próximo. Para o cálculo cómputase a superficie agraria útil de secaño e regadío declarada na solicitude única da PAC de 2026 (excluíndo os pastos temporais e permanentes):
    • Superficie de secaño: 55,32 € por hectárea.
    • Superficie de regadío: 145,51 € por hectárea.
  • Compensación polo sobrecoste de gasóleo agrícola: Concédese de forma adicional unha compensación parcial fixada en 12,00 € por hectárea.

Condicións e xustificación dos gastos:

  • Os conceptos subvencionables corresponden ás adquisicións efectivas de fertilizantes e gasóleo agrícola realizadas a partir do 1 de marzo de 2026 e destinadas á súa utilización no ano 2026.
  • O Fogga poderá requirir ás explotacións seleccionadas nunha mostra de control a presentación das facturas ou documentos xustificativos de dita adquisición.
  • A contía total da axuda non poderá ser inferior a 100,00 € nin superar o límite máximo de 6.010,00 € por persoa beneficiaria.

REQUISITOS DOS BENEFICIARIOS

1. Requisitos comúns

Todas as persoas físicas, xurídicas ou entidades sen personalidade xurídica deben cumprir simultaneamente as seguintes condicións:

  • Titularidade da explotación: Ser titulares dunha explotación agraria situada total ou parcialmente na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Control efectivo da actividade: Exercer a actividade agraria baixo o seu control efectivo, asumindo o risco empresarial e obtendo os beneficios derivados dela.
  • Solicitude da PAC: Ter presentado en Galicia a solicitude única da PAC correspondente á campaña 2026.
  • Cumprimento normativo: Non ter creado artificialmente as condicións esixidas para recibir a axuda.

2. Condicións específicas segundo o tipo de beneficiario

  • Persoas físicas:
    • Estar dadas de alta no RETA (Réxime Especial de Traballadores Autónomos) ou no SETA (Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios) na rama agroalimentaria. A situación de alta debe ser efectiva na data límite de presentación da solicitude única da PAC 2026.
    • Ter obtido no período impositivo 2025 uns ingresos agrarios de cando menos o 25 % dos seus ingresos totais (comprobados a través do IRPF).
  • Entidades sen personalidade xurídica ou en réxime de atribución de rendas (comunidades de bens, herdeiros, sociedades civís sen obxecto mercantil, etc.):
    • Polo menos unha das persoas socias, comuneras ou partícipes debe estar dada de alta no RETA ou SETA no sector agroalimentario.
    • Polo menos para unha das persoas socias ou comuneras, os ingresos agrarios (propios ou atribuídos pola entidade) deben representar cando menos o 25 % dos seus ingresos totais no exercicio 2025.
  • Sociedades mercantís (que tributan polo Imposto sobre Sociedades):
    • Non se lles esixe o requisito de alta no RETA ou SETA.
    • Deben acreditar que os ingresos das actividades agrícolas e gandeiras representan como mínimo o 25 % do importe neto da cifra de negocios e ingresos de explotación no período impositivo 2025 (comprobados prioritariamente mediante o modelo 200). No caso das Sociedades Agrarias de Transformación (SAT), compútanse exclusivamente os ingresos da súa propia actividade agraria.
  • Novas incorporacións (campañas 2025 ou 2026):
    • Ás persoas ou entidades que iniciaron a actividade nas campañas 2025 ou 2026 non se lles esixe o límite do 25 % de ingresos agrarios.
    • Considérase inicio de actividade se non foron titulares dunha solicitude única da PAC en ningunha das cinco campañas anteriores. Mantense a obriga de alta no RETA/SETA segundo a forma xurídica.
  • Entidades asociativas exceptuadas:
    • Quedan exentas tanto do requisito de alta no RETA/SETA como do límite do 25 % de ingresos agrarios as cooperativas agroalimentarias, as de explotación comunitaria da terra, as de traballo asociado agropecuario e as explotacións inscritas en réxime de titularidade compartida.

3. Comprobación de oficio

A verificación do cumprimento destes requisitos realizarase de oficio pola administración mediante o cruzamento de datos cos rexistros da Seguridade Social (TGSS) e da Axencia Tributaria (AEAT).

CONTÍA DAS AXUDAS

As contías das axudas determínanse por hectárea en función do tipo de superficie e dos conceptos subvencionables, tomando como referencia a superficie agraria útil declarada na solicitude única da PAC de 2026 (excluíndo os pastos temporais e permanentes):

  1. Importes por hectárea
  • Compensación por fertilizantes:
    • Superficie de secaño: 55,32 €/ha.
    • Superficie de regadío: 145,51 €/ha.
  • Compensación por gasóleo agrícola:
    • Adicionalmente, adxudícase unha contía de 12,00 €/ha.
  1. Límites económico e axustes
  • Importe mínimo: Non se concederán axudas por un importe total inferior a 100,00 €.
  • Importe máximo: A contía máxima non poderá superar os 6.010,00 € por persoa beneficiaria.
  • Deducción de axudas estatais previas: Para quen percibira a axuda estatal polo incremento de custos de fertilizantes (artigo 50 do RDL 7/2026), a contía autonómica limitarase ao importe necesario para cubrir o sobrecoste total estimado, sen superar ese límite en ningún caso.
  • Axuste orzamentario: Se a suma total de axudas calculadas supera o crédito dispoñible (3.652.583,30 €), procederase a unha redución proporcional dos importes individuais

PROCEDEMENTO DE SOLICITUDE

Ao tratarse dun procedemento de concesión directa, estas axudas non requiren dunha solicitude inicial convencional, senón da presentación dunha comunicación de aceptación por parte das persoas incluídas na relación provisional.

O procedemento paso a paso estrutúrase da seguinte maneira:

  1. Consulta da relación provisional

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) publica a relación provisional de persoas beneficiarias e os importes asignados para fertilizantes e gasóleo na súa páxina web (https://fogga.xunta.gal/gl/pac/resolucions-de-axudas/outras-axudas).

  1. Prazo de presentación

O prazo para presentar a comunicación de aceptación é de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

  1. Forma e lugar de tramitación

A tramitación faise unicamente por medios electrónicos:

  • Canal: A través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), mediante o formulario normalizado do Anexo I (código de procedemento MR243A).
  • Identificación: Pódese acceder e firmar mediante calquera certificado dixital admitido ou a través do sistema Chave365.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes para estas axudas é dende o 30 de outubro de 2026 ata o 12 de novembro de 2026.

  • Facebook
  • Twitter