Entre o 21 e o 23 de setembro, AGROSOCIAL+ concentrou en Córdoba as súas primeiras actividades presenciais, coa participación en SembrAI 2026 e coa celebración do seminario de lanzamento do proxecto.
Os días 21 e 22 de setembro celebrouse SembrAI 2026, un evento centrado na intelixencia artificial e nas novas tecnoloxías aplicadas ao sector agroalimentario. AGROSOCIAL+ contou cun stand na zona expositiva, desde o que se deu a coñecer o proxecto e no que as entidades participantes puideron mostrar materiais e produtos dos seus territorios.
A presenza en SembrAI estivo así vinculada aos Living Labs, unha das principais liñas de traballo de AGROSOCIAL+. Estes espazos servirán para facer demostracións, probar tecnoloxías e achegar solucións innovadoras a produtores, cooperativas e empresas en contornas reais.
AGROSOCIAL+ reúne en Córdoba ás entidades do proxecto
O 22 de setembro comezou o seminario de lanzamento do proxecto cunha benvida institucional no Palacio de la Merced, sede da Deputación de Córdoba. A sesión reuniu representantes das entidades participantes de España e Portugal e serviu como primeiro encontro presencial conxunto do proxecto.
Ao día seguinte, o 23 de setembro, o traballo centrouse xa na organización das distintas actividades. Abordáronse os Living Labs e o espazo de datos compartido, a futura Escola Transfronteiriza de Alta Dirección, as accións de emprendemento social agroalimentario, a promoción de produtos locais transfronteirizos e os aspectos relacionados coa comunicación, a xestión e a coordinación.
As sesións permitiron concretar tarefas, responsabilidades e os primeiros pasos para desenvolver as actuacións previstas nos próximos meses.
Un proxecto entre España e Portugal
AGROSOCIAL+ reúne entidades públicas e organizacións vinculadas ao cooperativismo, ao desenvolvemento territorial e á innovación dos dous lados da fronteira.
En España participan a Deputación de Córdoba, a Deputación de Cáceres, a Deputación de Lugo, o Instituto de Emprego e Desenvolvemento Socioeconómico e Tecnolóxico da Deputación de Cádiz (IEDT), a Fundación Europea para a Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico (INTEC), Cooperativas Agro-alimentarias de Extremadura, Cooperativas Agro-alimentarias de Andalucía e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).
Por parte de Portugal participan ODIANA – Associação para o Desenvolvimento do Baixo Guadiana, o Município do Fundão, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e CONFAGRI – Confederação Nacional das Cooperativas Agrícolas e do Crédito Agrícola de Portugal.
O proxecto busca crear un ecosistema transfronteirizo de innovación dixital, mellorar a competitividade das cooperativas a través da formación, impulsar o emprendemento no sector agroalimentario e favorecer a promoción dos produtos locais.
AGROSOCIAL+ desenvolverase ata finais de 2028 e conta cun orzamento de 2 062 429,85 euros, financiado nun 75 % con fondos FEDER a través do programa INTERREG POCTEP.
As xornadas de Córdoba supuxeron o inicio do traballo presencial e da execución das distintas actividades de AGROSOCIAL+.
![]()


