Os galegos somos recoñecidos como produtores e consumidores de alimentos de moi elevada calidade. No noso rural estamos especializados na produción de proteína animal: leite e carne. Producimos máis do 40 % do leite de España. Temos o privilexio de ter á nosa disposición unha ampla gama dos mellores leites, queixos, iogures, natas etc. a prezos económicos. O leite de vaca galego é producido por ganderías familiares e transformado por industrias e cooperativas que están preto das ganderías e do medio rural.
A actividade gandeira de leite e carne achega múltiples beneficios ao territorio. Converte biomasa en alimentos de alto valor nutricional e contribúe a reducir o risco de incendios grazas ao aproveitamento da vexetación.
A actividade gandeira de leite e carne achega múltiples beneficios ao territorio. Converte biomasa en alimentos de alto valor nutricional e contribúe a reducir o risco de incendios grazas ao aproveitamento da vexetación. As vacas de leite e de carne forman parte do ecosistema de pasteiros e agroforestais con gran capacidade de captura de carbono e de modulación do ciclo da auga. As vacas transforman recursos vexetais que as persoas non podemos aproveitar directamente en alimentos de extraordinario valor nutricional, como o leite e a carne, a partir dos que se poden elaborar múltiples produtos. As vacas axudan á conservación do ecosistema con maior potencial de biodiversidade que as terras abandonadas, a disposición do lume.
Os alimentos lácteos son esenciais desde o punto de vista nutricional para a prevención de certas enfermidades que os consumidores debemos considerar e valorar. O leite é fonte de proteínas, minerais, vitaminas, ácidos graxos e péptidos bioactivos, algúns dos cales teñen propiedades antioxidantes e antiinflamatorias. As necesidades de calcio son moi elevadas na adolescencia, no embarazo, durante a lactación, en idades avanzadas e para os deportistas. O leite é a principal fonte de calcio, pero tamén de vitaminas liposolubles, proteínas de alto valor biolóxico e compoñentes bioactivos.
Debemos esforzarnos en preservar e potenciar un sector que medra todos os anos e que produce uns alimentos que constitúen un dos sinais de identidade da nosa gastronomía e desempeñan un papel esencial nunha dieta equilibrada e nutritiva.
Non se entende a gastronomía galega, nin a nosa cociña sen os nosos alimentos lácteos e os diferentes derivados cárnicos, que forman parte da nosa cultura. Os galegos debemos esforzarnos en preservar e potenciar un sector que medra todos os anos e que produce uns alimentos que constitúen un dos sinais de identidade da nosa gastronomía e desempeñan un papel esencial nunha dieta equilibrada e nutritiva, en beneficio dos consumidores galegos e de toda España.
O sector lácteo galego proporciona garantías totais para os consumidores e o medio ambiente, ao tempo que representa un motor de desenvolvemento socioeconómico e de innovación no noso medio rural. O futuro sostible non está nos alimentos ultraprocesados, nin nas proteínas sintéticas, ou nas proteínas alternativas que promoven algúns, nin no márketing baseado en afirmacións non científicas e sen fundamento. Aínda que algúns o pretenden, non se pode impoñer quen ten que comer que. O leite e os produtos cárnicos forman parte fundamental dunha dieta equilibrada. As proteínas animais e vexetais son complementarias e o seu consumo combinado sempre será beneficioso para as persoas.




