- O proxecto, de ámbito supraautonómico, promoverá a innovación no cultivo da oliveira en Galicia, Castela e León e Andalucía, co obxectivo de poñer en valor as variedades autóctonas, impulsar a sustentabilidade e reforzar a calidade diferenciada dos aceites de oliva obtidos a partir destas variedades, mediante a cooperación entre produtores, cooperativas, empresas e centros de investigación.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) coordina o Grupo Operativo SUPRAOLIVO, unha iniciativa que, entre 2026 e 2029, impulsará un modelo de cultivo da oliveira máis sostible, competitivo e resiliente fronte ao cambio climático en Galicia, Castela e León e Andalucía. O proxecto promoverá a cooperación entre entidades de referencia do sector oleícola para desenvolver solucións innovadoras que melloren a sustentabilidade, a adaptación ao cambio climático e a valorización das variedades autóctonas.
SUPRAOLIVO nace coa finalidade de aproveitar o potencial das variedades autóctonas de oliveira e adaptar o cultivo destas variedades ás características específicas de cada territorio, combinando a experiencia de Andalucía, referente mundial na produción de aceite de oliva, co desenvolvemento emerxente do sector en Galicia e Castela e León. O proxecto aposta polo traballo conxunto entre agricultores, cooperativas, empresas e centros de investigación para xerar coñecemento aplicable e transferible ao sector.
Ao longo do proxecto avaliaranse as condicións agronómicas das distintas zonas produtoras, estudarase o comportamento de variedades locais, analizarase a calidade das colleitas e dos aceites obtidos e desenvolveranse prácticas de manexo máis sostibles, incluíndo estratexias de fertilización, agricultura rexenerativa, conservación do solo, optimización do rego e mellora da biodiversidade. Ademais, realizaranse estudos sobre a rendibilidade económica das explotacións, a pegada ambiental da produción e os efectos do cambio climático sobre a fenoloxía da oliveira.
Outro dos piares de SUPRAOLIVO será a recuperación e valorización das variedades tradicionais de oliveira, favorecendo a súa conservación e multiplicación, así como a creación de parcelas demostrativas que permitan comprobar o seu comportamento agronómico e o potencial dos aceites diferenciados obtidos a partir delas. O proxecto tamén analizará a composición nutricional e sensorial dos aceites para reforzar o seu valor engadido e facilitar a súa comercialización.
O consorcio está integrado por AGACA, a cooperativa Productores de Olivas de Galicia (PROLIGAL), a Asociación para o Desenvolvemento Rural Integral das Sierras de Salamanca (ADRISS), Aceiteros del Águeda SAT, Luque Ecológico S.L., o Instituto de Agricultura Sostible do CSIC (IAS-CSIC) e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC). Ademais, o proxecto conta coa participación do Instituto Tecnológico Agrario de Castilla y León (ITACyL) e do Instituto Andaluz de Investigación y Formación Agraria, Pesquera, Alimentaria y de la Producción Ecológica (IFAPA) como entidades subcontratadas para o desenvolvemento de actuacións técnicas especializadas.

Con esta iniciativa preténdese consolidar un modelo de olivicultura innovador que permita mellorar a competitividade das explotacións, favorecer a conservación da biodiversidade, reforzar a adaptación ao cambio climático e contribuír ao desenvolvemento económico e social do medio rural mediante a posta en valor dun produto de alta calidade e forte identidade territorial.
A folla de ruta de SUPRAOLIVO contempla a celebración, o vindeiro mes de setembro, dunha primeira xornada de presentación do proxecto, que marcará o inicio das actividades de divulgación e transferencia de coñecemento previstas no marco desta iniciativa.

SUPRAOLIVO: Innovación para o desenvolvemento sostible e adaptado do cultivo da oliveira en Galicia, Castela e León e Andalucía (REGAGE 25e00048407852). Proxecto de innovación de interese xeral por Grupos Operativos supraautonómicos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri), no marco do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Fondos procedentes do fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (80%) e da Administración Xeral do Estado (20%). Orzamento total do proxecto: 581.921,37 €. Subvención total: 581.921,37 €.



