RESUMO ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.
— ORDE do 21 de abril de 2026 pola que se convocan para o ano 2026 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia. Consellería do Medio Rural (DOG nº 79, 29/04/2026)
OBXECTO
Convocar para o ano 2026 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia.
A Orde do 22 de agosto de 2017 (DOG nº 163 de 29 de agosto de 2017) establece as bases reguladoras.
PERSOAS BENEFICIARIAS
Poderán optar a estes premios todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no LIGAL de tal xeito que consten na base de datos deste laboratorio os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia, que comprende desde o mes de agosto de 2025 ao mes de xullo de 2026.
CRITERIOS A CUMPRIR
As explotacións seleccionadas deberán cumprir os seguintes criterios:
a) Estar inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi), segundo o establecido no Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se creou o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Diario Oficial de Galicia [DOG] núm. 71, do 16 de abril).
b) No caso das explotacións seleccionadas para a certificación ecolóxica, ademais do anterior, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), ter completado o período de conversión, ter certificado de produción dos últimos 12 meses de referencia e non ter sancións e/ou suspensións deste organismo nos últimos tres anos, nin ter ningún procedemento sancionador pendente incoado pola autoridade competente en materia de agricultura ecolóxica.
SELECCIÓN DE FINALISTAS
Para cada un dos nove estratos obtidos —tres en función do tamaño e, dentro de cada un destes, tres máis en función do sistema de produción— seleccionaranse as explotacións clasificadas entre as cinco primeiras pola súa puntuación lineal.
Tamén se seleccionarán as explotacións ecolóxicas clasificadas entre as cinco primeiras pola súa puntuación lineal.
Estas explotacións serán notificadas da súa selección como finalistas para estes premios e a Consellería de Medio Rural solicitará a súa aceptación expresa de participación na edición correspondente.
O xurado encargado de outorgar os premios estará formado por, en representación da Consellería de Medio Rural, o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o subdirector xeral de Gandería; e, en representación do LIGAL, o director xerente e o presidente do Consello de Administración.
O xurado designará técnicos de ambas as entidades para que actúen como comité de avaliación durante as visitas ás explotacións. Cada reunión do comité de avaliación incluirá polo menos dous membros, un de cada organización, sen que o número total de técnicos exceda de catro. Para garantir a coherencia no proceso de avaliación, a xefa do Servizo de Seguridade Alimentaria para a Produción Pecuaria, pertencente á Consellería do Medio Rural, actuará como coordinadora do comité de avaliación.
O comité de avaliación visitará as explotacións finalistas que aceptaron participar na edición correspondente. Durante a visita, revisarase o estado da explotación, tomando como referencia as directrices de boas prácticas para as explotacións de gando vacún de leite (FENIL-MAPAMA) e os ítems do control oficial de hixiene para as explotacións de gando vacún de leite aplicados polos servizos veterinarios oficiais de Galicia.
O comité de avaliación elaborará un informe cos resultados da avaliación de cada explotación visitada; a coordinadora do comité remitirá os informes ao xurado. Esta visita ás explotacións por parte do comité non afectará á puntuación global da explotación. Non obstante, o descubrimento do incumprimento dalgunhas destas prácticas de hixiene representaría un maior risco para a produción de leite, tanto en termos de calidade como de seguridade alimentaria. Polo tanto, neses casos, a explotación deixaría de ser considerada elixible para os premios.
ADXUDICACIÓN DE PREMIOS
As dúas explotacións de cada unha das nove categorías definidas que non teñan problemas durante a visita do comité de avaliación recibirán premios, aplicando estritamente a súa posición na puntuación lineal obtida. A mesma metodoloxía empregarase para as dúas mellores explotacións ecolóxicas na puntuación lineal.
No momento da selección e entrega de premios, as explotacións gañadoras deberán seguir cumprindo os requisitos establecidos no Recaldi (artigo 2 do Decreto 57/2010, do 8 de abril, modificado polo Decreto 228/2011, do 24 de novembro).
A cerimonia de entrega de premios celebrarase nun evento convocado e organizado para este fin. O premio consistirá nun trofeo e un certificado para os produtores gañadores de cada categoría, incluídos os de explotacións ecolóxicas.
A Consellería publicará na súa páxina web e, se procede, en medios de comunicación axeitados do sector, a lista de explotacións finalistas e premiadas.



