— Programa Igape Innova: actividades integradas en plans de deseño e innovación. Ata 17/02/2026

Información da axuda

Derogada / Fóra de prazo

RESUMO ELABORADO POR AGACA

Pode consultar/descargar este resumo da Resolución en “Documentación” (formato PDF) e consultar a Resolución completa na ligazón “web”.

— RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova), e se convocan para os anos 2026-2027. Instituto Galego de Promoción Económica IGAPE (DOG Nº 10, 16/01/2026). 

OBXECTO

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas con centro de traballo en Galicia, co obxectivo de incrementar a súa capacidade innovadora, mediante a introdución de innovacións significativas que incrementen a súa competitividade, a través da aplicación do deseño, da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinadas á mellora de procesos e á creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido.

Haberá dúas liñas de actuación:
Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización: innovación en procesos e innovación en organización.
Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade: deseño de produto/servizo,

Estas axudas tramitaranse polo réxime de concorrencia competitiva.

O código de procedemento é IG408L

PERSOAS BENEFICIARIAS

– Pemes ou cun centro de traballo en Galicia para as liñas 1 e 2
– Grandes empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para a liña 2.

CARACTERÍSTICAS DAS LIÑAS

a) Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.

1º. Innovación en procesos: proceso novo ou mellorado para unha ou máis funcións de negocio que difiren significativamente do proceso de negocio anterior da empresa e que se poñen en uso por primeira vez na empresa.

• Métodos de fabricación ou produción de bens ou servizos innovadores
• Sistemas loxísticos ou métodos de entrega ou distribución.
• Métodos de procesamento de información ou comunicación con intensificación tecnolóxica.
• Métodos de márketing para promoción, embalaxe, fixación de prezos, posicionamento do produto ou servizos posvenda.
• Innovacións en procesos con beneficios ambientais
• Testaxe a escala preindustrial e pilotos de tecnoloxías facilitadoras (TFE)

. Innovación en organización: Método novo ou mellorado para unha ou máis funcións relativas á organización empresarial e as súas interaccións, que difiren significativamente dos métodos anteriores da empresa e que se poñen en uso por primeira vez.

i) Creación de departamentos/unidades de I+D+i.

• Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante a contratación de persoal especializado.
• Creación de estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.

ii) Deseño e desenvolvemento de novos procesos de organización

iii) Validación, a través de pilotos, novos métodos ou metodoloxías enfocadas á:

• Mellora organizacional no negocio ou a organización do traballo.
• Xestión do coñecemento ou a toma de decisións.
• Xestión dos recursos humanos e a responsabilidade social.
• Relacións cara o exterior (con provedores, clientes, intermediarios…).
• Establecemento de relacións de cooperación e innovación aberta.
• Redefinición das estratexias de comercialización e relación con clientes e provedores ou a apertura de novos mercados. Non se inclúen as actuacións relativas á comercialización que non poidan ser considerados pilotos de innovación.

b) Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade

1º. Deseño de produto/servizo: Concepción e desenvolvemento de produtos / servizos novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico.
Fase I: Análise, estratexia e conceptualización
Fase II: Deseño de detalle e desenvolvemento
Fase III: Preindustrialización

CONCEPTOS SUBVENCIONABLES

Custos directos:

– Custos de persoal, propio ou de nova contratación.
– Subcontratacións: (máximo 50% dos custos directos)
– Material, subministracións e produtos similares
– Patentes e outros activos inmateriais e obtencións de certificacións
– Servizos de asesoramento en materia de deseño e/ou innovación.
– Servizos de apoio en materia de innovación
– Adquisición de propiedade industrial
– Equipamento e material instrumental inventariables, de nova adquisición.

Custos indirectos: será o 20% dos custos directos.

O orzamento subvencionable para cada plan, será dun mínimo de 50.000 euros e dun máximo de 250.000 euros por plan.

CONTÍA DAS AXUDAS

Tipo de empresa Liña Orzamento Subvención Intensidade
Peme Liña 1: Plan de Innovación Mínimo 50.000 €

Máximo 250.000 €

De 25.000 € a
125.000 €
50 %
Liña 2: Plan de deseño
Gran empresa Liña 2: Plan de deseño. Deseño experimental de proxectos de deseño De 12.500 € a 62.500 € 25% – 40%

No caso de gran empresa, a axuda poderá ser do 40% cando se difundan os resultados

PRAZO DE EXECUCIÓN

O prazo de execución dos plans de deseño e innovación comezará a partir da data de solicitude da axuda, sen que, en ningún caso, se poida superar o 30 de setembro de 2027.

As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 30 de setembro de 2026 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de setembro de 2026 ou anterior (proxectos dunha anualidade), e como máis tarde o 30 de setembro de 2027 no resto dos proxectos (proxectos de dúas anualidades).

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto dende o 17 de xaneiro ata o 17 de febreiro de 2026.

  • Facebook
  • Twitter