Con 24 anos, Ana María Freire Fernández representa unha nova xeración de gandeiras que se incorporan ao sector con formación, criterio e vontade de continuidade. Vicepresidenta de AGACA dende o pasado xullo e vogal no consello reitor de AIRA, cooperativa da que é socia a explotación de O Castelo, en Palas de Rei, unha gandería de vacún de leite con décadas de historia ligada á súa familia: é a persoa máis nova en ambos os dous órganos de goberno.
A súa incorporación á explotación familiar foi unha decisión persoal, tomada con naturalidade.
“Na casa sempre me transmitiron que o importante era ser feliz e escoller o meu camiño, e sempre tiven claro que quería seguir vencellada á nossa explotación familiar”, explica.
Para Freire, a localización, a estrutura das fincas, os recursos dispoñibles e o modelo produtivo condicionan as decisións en cada granxa, por iso defende a necesidade adaptarse a cada realidade concreta apostando pola eficiencia, a organización do traballo e a mellora do benestar animal. A modernización, di, pasa por facer máis cómodo o día a día e por buscar rendementos sostibles no tempo.
Nun contexto onde a man de obra é un desafío, ve fundamental reorganizar tarefas, incorporar tecnoloxía cando sexa útil e contar con apoio externo cando sexa necesario: “Non se trata só de producir máis, senón mellor, e de poder conciliar”.
A súa vinculación con AIRA vén case dende os inicios da explotación, socia de Agris. Para Ana María, formar parte dunha cooperativa grande e multissectorial supón apoio, seguridade e forza colectiva. Esa percepción amplíase coa súa entrada no Consello Reitor, onde pasa a pensar no conxunto das persoas socias.
“Entrei no Consello Reitor con ganas de aprender e de poder achegar o que estea na miña man”, resume. No actual mandato, con cinco mulleres no consello de AIRA, Freire entende que a diversidade enriquece a toma de decisións. Defende consellos máis plurais en idade e traxectorias e insiste na importancia de normalizar a presenza das mulleres nos espazos de responsabilidade e nas explotacións.
No caso de AGACA, salienta o papel de Carmen Rodríguez, presidenta dende hai algo máis de catro anos, como referente próximo. Valora a súa traxectoria e capacidade para acompañar ás persoas que se incorporan por primeira vez a espazos de decisión.
Cara ao futuro, identifica como desafíos prioritarios a remuda xeracional e a necesidade de facer o campo atractivo dende o punto de vista económico e social. No ámbito cooperativo, aposta por reforzar proxectos xa existentes, aliñar servizos coas necesidades reais das persoas socias e poñer en común solucións útiles para o conxunto do sector. E, nun plano máis persoal, imaxínase liderando unha explotación sostible, viable e rendible, comprometida coa calidade e co valor engadido, como demostra o recoñecemento internacional acadado recentemente polo queixo Pambre.
A entrevista é posible grazas á actuación financiada a través do Programa de Asistencia Técnica 2025 enmarcado dentro das actuación do Convenio MAPA-Cooperativas Agro-alimentarias de España para o desenvolvemento de diversas actividades de mellora da competitividade e modernización das cooperativas agroalimentarias e a formación, igualdade e remuda xeracional en consellos reitores.


Leer revista completa:

