RESUMO ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación” (formato PDF en galego) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.
— ORDE do 21 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT809E). Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático. DOG Nº 233, 02/12/2025
OBXECTO E FINALIDADE
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas afectadas polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril, coa finalidade de compensar estes danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.
Será de aplicación aos cultivos agrícolas danados polo xabaril pertencentes a explotacións agrarias situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril en cultivos agrícolas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
PERSOAS BENEFICIARIAS
Poderanse acoller a estas axudas:
a) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
b) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias de autoconsumo onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.
O expediente de axudas será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita.
Os cultivos agrícolas afectados, polos que se solicita a axuda, deberán pertencer a unha persoa, física ou xurídica, inscrita en calquera das seccións en que se organiza o Reaga (explotacións agrarias prioritarias, explotacións agrarias de titularidade compartida, explotacións acollidas ao réxime de venda directa (Sevedei ou outras explotacións agrarias).
No suposto de cultivos agrícolas afectados destinados ao autoconsumo, a persoa, física ou xurídica, solicitante da axuda deberá acreditar a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.
ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES
No prazo máximo de tres días hábiles desde a produción dos danos en cultivos agrícolas, as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias e os de autoconsumo deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012.
O horario hábil de atención telefónica é das 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30, os sábados.
Unha vez rexistrada a denuncia, o persoal da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático desprazarase ata o lugar dos feitos para comprobar a existencia dos danos, despois do cal se poderá facer a colleita ou continuar co cultivo afectado. Esta valoración recollerase nun informe.
ÁMBITO TEMPORAL
Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de 2025 ata o 10 de outubro de 2026.
CONTÍA DA AXUDA
O baremos utilizado para o pagamento de axudas será o seguinte:
Baremo utilizado para o pagamento de axudas para paliar os danos producidos polo xabaril en cultivos agrícolas
| Código | Tipo de cultivo | €/m² |
|---|---|---|
| MIG | Millo en gran | 0,19 |
| MIF | Millo forraxeiro | 0,29 |
| TRI | Trigo | 0,14 |
| CEN | Centeo | 0,14 |
| AVE | Avea | 0,14 |
| PRA | Pradeira | 0,14 |
| PAT | Pataca | 0,51 |
| FRU | Froiteiras (incluída a vide) | 3,72 |
| HO1 | Hortalizas 1 (cenoria, repolo e nabo) | 0,79 |
| HO2 | Hortalizas 2 (coliflor, tomate, berenxena, cabaciña, cebola, feixón verde, leituga, pemento e allo porro) | 2,10 |
| VID | Uva | 3,63 |
O importe máximo por persoa beneficiaria establécese en 2.750 €.
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2025 e o 3 de decembro de 2025, o prazo de presentación será dende o 3 de decembro de 2025 ao 3 de xaneiro de 2026.
b) Para os danos comunicados despois do 3 de decembro de 2025, o prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012.



