Nos últimos anos a produción agrícola e gandeira experimentou unha forte presión da sociedade e dos consumidores, en xeral, demandando unha maior contribución á redución do seu impacto ambiental e á mellora da sostibilidade. A PAC 2023/2027 e as administracións pretenderon introducir, da noite para a mañá, unha serie de regulamentacións tratando de forzar aos agricultores e gandeiros a realizar un cambio radical no xeito de producir alimentos, o que xerou fortes protestas en toda a Unión Europea e confusión xeral entre os produtores primarios. Neste senso, o Caderno Dixital, antes obrigatorio, pasa a ser voluntario un tempo (ata 2026), coa finalidade de facilitar a súa posta en marcha racional e sensata.
É clave integrar o intercambio de información do Caderno Dixital entre produtor e administracións cos servizos gandeiros e agronómicos das cooperativas.
Porén, o Caderno Dixital pode supoñer unha interesante ferramenta para o intercambio de información coas administracións competentes en materia agrícola e gandeira, mellorando a eficiencia, a sostibilidade, a modernización, a profesionalización e a dixitalización dos procesos produtivos. Neste senso, dende AGACA e as cooperativas, consideramos clave integrar este intercambio de información do Caderno Dixital entre produtor e administracións cos servizos gandeiros e agronómicos das cooperativas. A análise dos datos subministrados, combinados con outras fontes de información externa, pode mellorar as recomendacións e asesoramentos técnicos, optimizando mellor os recursos produtivos.
Os técnicos das cooperativas veñen prestando servizos esenciais aos socios, e tamén poden e deben apoialos no proceso de rexistro de información no Caderno Dixital. Neste senso, o Sistema de Información Xeográfica Cooperativa das Explotacións (SIXCEX) de Cooperativas Agro-alimentarias de España reúne características de uso para as cooperativas moi interesantes.
As ferramentas que se usan nas cooperativas sempre van dirixidas á optimización de traballos e procesos. Neste caso, axudará a optimizar os traballos dos técnicos e a avanzar en novos desenvolvementos. Os técnicos das cooperativas deben dirixir os seus esforzos a avaliar e aconsellar, e menos a recoller datos das explotacións.
No vindeiro 2025 as cooperativas estaremos asesorando e apoiando aos agricultores e gandeiros no proceso de posta en marcha do Caderno Dixital, o que nos obrigará previamente a formar aos técnicos (aspectos normativos, trámites administrativos, manexo de aplicacións…) para aclarar o funcionamento deste novo sistema que poñen en marcha as administracións.
A dixitalización do sector primario é unha oportunidade para incrementar fortemente a competitividade das cooperativas e dos socios.
Consideramos fundamental que esta viaxe do Caderno cara á dixitalización global do sector primario deben facela as cooperativas ao lado dos seus socios. Dada a calidade dos servizos técnicos das cooperativas en Galicia, estamos convencidos de que o futuro do agro vai a ser cada día máis cooperativo. Ademais, coa dixitalización do sector primario temos a oportunidade de incrementar fortemente a competitividade das cooperativas e dos socios, favorecendo a súa sostibilidade económica, social e ambiental
Leer revista completa:




