Superada a pandemia Covid-19 os consumidores de viño aceleraron a muda de hábitos, reducindo os niveis de consumo de viño tinto e incrementando moderadamente os de viño branco, rosados, espumosos e os de menos alcohol. O consumidor é o xefe, e moitas veces adopta decisións que os produtores non comprenden, pero que deben asumir coa maior axilidade posible. Sempre se dixo que o mellor é anticiparse e tratar de ser dos primeiros en ofrecer aquilo que o mercado demanda, para non estar sometidos a unha agonía permanente de falta de esperanza.
A lei da oferta e demanda leva á Denominación de Orixe Ribeira Sacra a unha crise para a que non estaba preparada. A caída do consumo dos viños tintos non afectou só á Ribeira Sacra, pero outros pequenos produtores galegos de tintos máis organizados, máis previsores e amparados nalgunha cooperativa foron asumindo os novos retos que marcan os mercados.
O consumo mundial de viño acadou máximos no 2007 e dende esa data descende. No caso da Unión Europea, o consumo vénse reducindo dende os anos sesenta, e case un 30 % neste século en España, Francia e Italia, principais consumidores. Por iso, os viños europeos dependen cada vez máis das exportacións a mercados de fóra da UE: Estados Unidos, Reino Unido, Rusia, Arxentina, China, Australia etc. son mercados que medraron e que, agora, algúns retroceden e outros estabilízanse. Pero, o importante é que a Unión Europea incrementou moito as vendas a países terceiros en valor, a pesar de descender en cantidade. América Latina e África son os novos mercados en crecemento.
A preocupación pola saúde, a evolución dos hábitos sociais e os cambios demográficos impulsan a redución do consumo, a pesar de que a mocidade prefire bebidas alcohólicas alternativas coma os licores (tan prexudiciais para a saúde!) e as cervexas. O sector ten un desafío importante coa alta dependencia dos grandes mercados de Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, e centro e norte europeos que consumen viños galegos.
O cambio climático está creando condicións de produción imprevisibles. A variabilidade meteorolóxica está facendo que a produción sexa menos fiable en calidade e volume, e isto xera perturbacións e desaxustes que dificultan o comercio. Probablemente, esta circunstancia esixe ampliar o uso de variedades autóctonas e híbridas para aumentar a resiliencia da produción. As administracións deben facilitar os avances neste ámbito.
Hai que facer un esforzo por adaptar
a oferta á diminución da demanda,
tratando de diversificar a oferta de
viño para os mercados máis novos
e para os tradicionais. Os pequenos
produtores poden facelo sen estar ben
organizados nunha cooperativa?
Hai que facer un esforzo por adaptar a oferta á diminución da demanda, tratando de diversificar a oferta de viño para os mercados máis novos e para os tradicionais. Hai que adaptarse aos cambios de preferencias dos consumidores con viños locais, de variedades autóctonas, sostibles, con baixo contido en alcohol ou sen alcohol, innovando en envasado, adaptándose ao cambio climático, e explorando canais de venda dixitais e directas. E os pequenos produtores, poden facer isto sen estar ben organizados nunha cooperativa? Urxe un plan de actuación con visión de futuro en Ribeira Sacra, pois xa están no inicio da seguinte vendima, e as solucións non son fáciles nin inmediatas.





