A diversidade de cooperativas agroalimentarias, mesmo a dimensión, o seu crecente carácter empresarial e o peso específico na agroindustria son algún dos elementos diferenciais que xa caracterizan ás cooperativas agrarias galegas. Porén, debemos seguir esforzándonos máis para que as empresas cooperativas agrarias ocupen o lugar que lles corresponde nunha sociedade avanzada e desenvolvida, como a que aspiramos a construír en Galicia. Sabemos que unha das características máis singulares e importantes de toda cooperativa agraria é o seu arraigo no territorio e na comunidade: forma parte da sociedade rural con futuro.
Tiveron que pasar varios lustros para
que as cooperativas fosen gañando
interlocución en diferentes ámbitos a
través de AGACA.
Tiveron que pasar varios lustros para que as cooperativas fosen gañando interlocución en diferentes ámbitos a través de AGACA. Non imos esquecer que nos puxeron, e seguen a poñer, bastantes dificultades para participar en estruturas relacionadas co sector agroalimentario. A cooperativa é sinónimo de democracia no mundo empresarial, e iso debe ser visto como unha importante achega á sociedade.
A cooperativa é sinónimo de democracia no mundo empresarial.
O cooperativismo agroalimentario é un aliado imprescindible para responder de forma innovadora aos grandes retos do presente e futuro da agroindustria de Galicia. Nestes últimos anos asistimos a unha transformación da empresa cooperativa agroalimentaria que, sen perder fortaleza, soubo, e está sabendo, adaptarse aos grandes retos do presente e do futuro.
O cooperativismo é a alternativa á economía tradicional e está sendo posto en valor como modelo a seguir dende diferentes ámbitos, xa non como algo pouco interesante, senón como organización necesaria e útil. Distintos indicadores que miden a viabilidade e sostibilidade das explotacións familiares, as diferenzas de prezos entre agricultores e gandeiros, as desigualdades e a desaparición de explotacións avalan que a existencia de cooperativas agrarias no rural repercute moi positivamente no noso eido agrario e rural. Cada vez hai máis comarcas galegas onde non se pode entender o seu desenvolvemento económico sen as empresas cooperativas agrarias.
As cooperativas son reguladoras dos mercados, adaptándose aos cambios cos apoios precisos. Con todo, se queren chegar a ser un referente máis aló das nosas fronteiras deben seguir esforzándose por identificar e anticiparse ás novas esixencias dos mercados ofrecendo produtos de calidade e adaptando a súa proposta de valor aos mercados de referencia de fóra de Galicia. As cooperativas ofrecen condicións e medios excepcionais para xerar respostas eficaces e propias do contexto cambiante e dos retos de futuro.
Sabemos que as cooperativas están en constante proceso de profesionalización, de captación de talento para os órganos de decisión. A innovación nas súas actividades e nos servizos que prestan en asesoramento é fundamental para a sostibilidade de moitos socios e socias. Un dos retos é fortalecer a súa posición na cadea de valor, dende a recollida ou entrega do produto da persoa socia ata a entrega dos produtos finais á persoa consumidora. Por iso, a fórmula cooperativa é o máis acaído á misión das empresas propiedade dos agricultores e gandeiros e é a fórmula xurídica máis aliñada cos seus valores.





