- O Encontro Nacional de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias tivo lugar o 5 de marzo no salón de actos da cooperativa DCOOP, en Antequera (Málaga) baixo o lema “Mujeres de cooperativas comprometidas con la innovación en el sector cooperativo agroalimentario”, financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
- Por parte de Galicia, interviñeron Dolores Calvo (presidenta da Asociación de Mujeres de Cooperativas Agro-alimentarias de España, de Nós, As Mulleres e de Condes de Albarei) e Lucía González, coordinadora de proxectos da cooperativa A Carqueixa.
![]()
Este Encontro, organizado por AMCAE (Asociación de Mujeres de Cooperativas Agro-alimentarias de España), reuniu en Antequera a mulleres de toda a xeografía española para intercambiar experiencias e coñecer proxectos cooperativos.
Dolores Calvo (presidenta de Condes de Albarei S. Coop. Galega e da Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias, Nós, As Mulleres) é a actual presidenta de AMCAE e, como tal, participou na mesa de inauguración e clausura do evento.
Tanto AMCAE a nivel estatal como Nós, As Mulleres a nivel galego levan a cabo iniciativas enfocadas a potenciar o papel das mulleres nas cooperativas e impulsar a súa incorporación aos consellos reitores. Neste senso, segundo o Informe Muller e Agrocooperativismo en Galicia publicado en agosto do 2023 por SAVES (Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social), a porcentaxe media de mulleres socias nas cooperativas agrarias é dun 46,81% (datos 2015-2020), mentres que, analizando a composición dos consellos reitores en 2020, en termos relativos, representan un 31,72%. As mulleres ostentan un 19,85% do total de presidencias destas entidades.
Unha das relatoras no Encontro foi Lucía González, coordinadora de proxectos de A Carqueixa S. Coop. Galega, con motivo do premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais na categoría Actividade Agraria recibido pola cooperativa en 2023.
No referido á igualdade, ademais de loar o rol dunha das socias fundadoras da cooperativa, Carmen González, e o do actual xerente, Román Sánchez, González afirmou que A Carqueixa (cuxo consello reitor é paritario) avoga por que a igualdade de oportunidades e dereitos sexan reais na súa contorna. Para logralo, González incidiu en que “ten que haber unha aposta consciente dos propios consellos reitores, por unha parte, e autoestima e decisión por parte das mulleres, por outra” e destacou: “As pequenas cooperativas, con recursos limitados, son capaces de crear un forte impacto na súa área nesta materia”.
Doutra banda, Lucía González deixou patente o proxecto de apoderamento gandeiro que desenvolve A Carqueixa nos Ancares, defendendo e protexendo a actividade gandeira sostible en réxime extensivo, o manexo tradicional do gando (que inclúe a transhumancia) e a súa alimentación natural baseada en pasto, cereais e excedentes da horta. Tamén incidiu nos avances das canles comerciais da cooperativa, que conta cunha carnicería propia en Lugo, é a primeira empresa en comercializar por Internet carne fresca de Ternera Gallega Suprema e vende pratos elaborados baixo O Sabor dos Ancares.
Ademais, González destacou o labor da Carqueixa na conservación e limpeza de montes para prevención lumes e tamén os seus proxectos enfocados a poñer en valor o medio rural e os seus habitantes, tratando e frear o despoboamento, que, indicou, “terá consecuencias nefastas para unha zona de especial protección”, pois grande parte do territorio da Carqueixa conta con algún nivel de protección oficial pola súa importancia natural.
O resto de intervencións puxo de manifesto o papel das mulleres cooperativistas no liderazgo de proxectos de emprendemento e de impacto no medio rural. Outra das actividades foi unha visita á cooperativa DCOOP realizada o día anterior. DCOOP aglutina a miles de familias agricultoras e gandeiras, actuando en áreas coma oliveirais, froitos secos, viñedos e gandería de caprino de leite, vacún de carne e porcino.



