RESUMO ELABORADO POR AGACA
Pode consultar/descargar este resumo da Orde en “Documentación”(formato PDF) e consultar a Orde completa na ligazón “web”.
— ORDE do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2024. Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. (DOG Nº 12, 17/01/2024).
OBXECTO E PRINCIPIOS
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, procedendo á súa convocatoria para o ano 2024.
ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES
a) Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo: para a adquisición de cans para a protección e defensa do gando, de pastores eléctricos e/ou de cerrumes de malla electrificada, cuxa adquisición se faga, en todos os casos, con posterioridade á publicación desta orde.
b) Liña para a prevención de danos ocasionados polo oso: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.
c) Liña para a prevención de danos ocasionados polo xabaril: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.
PERSOAS BENEFICIARIAS E REQUISITOS
1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo e oso:
Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta, equino e apícola que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.
2. Liña para a prevención de danos ocasionados polo oso:
Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas asentadas en concellos zona oseira e área de influencia (anexo III).
3. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril.
Poderanse acoller a estas axudas:
a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), creado mediante o Decreto 200/2012, de 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia e modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa de produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final.
b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.
ADQUISICIÓN DE CANS PROTECTORES E DEFENSORES DO GANDO
1. Será subvencionable a adquisición de cans protectores e defensores do gando cunha idade inferior ou igual aos catro meses, das seguintes razas: mastín español, mastín do Pirineo e can de palleiro, así como os gastos da súa identificación.
2. Estas axudas poderán cubrir a totalidade do custo de adquisición dos cans protectores e defensores do gando, así como os gastos da súa identificación. O número dos animais subvencionables por explotación estará en función do número de reses da explotación gandeira, podendo subvencionarse un máximo dun can protector e defensor do gando por rabaño de ata 60 reses de gando menor ou 15 reses de gando maior; ata un máximo de dous cans por explotación, cando se supere este número de reses.
3. Será subvencionable o gasto de manutención de cans protectores e defensores do gando das razas descritas no punto 1 deste artigo, cos mesmos requisitos sobre identificación e rexistro que os sinalados anteriormente.
4. O importe máximo das axudas para a adquisición dos cans protectores e defensores do gando, así como os gastos da súa identificación non excederá os 300 € por can e, no caso de gastos de mantemento, os 200 € por can.
ADQUISICIÓN DE PASTORES ELÉCTRICOS
1. As axudas relativas á adquisición dos pastores eléctricos poderán cubrir a totalidade do seu custo de adquisición, IVE excluído, ata un máximo de 3 pastores eléctricos por persoa beneficiaria.
2. A contía máxima da axuda por explotación será de 600 euros.
3. O importe máximo das axudas para a adquisición de pastores eléctricos será de 150 euros por pastor eléctrico alimentado por batería ou conectado á rede eléctrica, e de 300 euros por pastor eléctrico cuxa batería se alimente con panel fotovoltaico.
4. O número de pastores eléctricos que poderá subvencionarse por explotación gandeira ou agraria, asignarase de acordo co seguinte:
a) No caso dunha explotación gandeira de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta, e equino; en función do número de reses de gando maior e menor con que conte a explotación:
| Núm.de reses de gando menor* | Núm. de reses de gando maior* | Núm. de pastores eléctricos* |
|---|---|---|
| De 1 a 50 | De 1 a 20 | 1 |
| De 51 a 100 | De 21 a 50 | 2 |
| Máis de 100 | Máis de 50 | 3 |
| *Para efectos desta axuda considérase: – Gando maior: gando bovino, equino e asnal. – Gando menor: gando ovino, caprino e porcino. |
||
b) No caso dunha explotación apícola, en función do número de asentamentos con que conte a explotación:
| Núm. de asentamentos apícolas | Núm. de pastores eléctricos |
|---|---|
| Menor ou igual a 4 | 1 |
| De 4 ata 10 | 2 |
| Máis de 10 | 3 |
c) No caso dunha explotación agraria, en función da superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2022.
| Superficie admisible declarada (hectáreas) | Núm. de pastores eléctricos |
|---|---|
| Menor ou igual a 10 | 1 |
| De 11 ata 20 | 2 |
| Máis de 20 | 3 |
ADQUISICIÓN DE CERRUMES MÓBILES DE MALLA ELECTRIFICADA
As mallas terán que cumprir as especificacións que figuran no anexo I desta orde.
As axudas concedidas poderán cubrir a totalidade do custo da adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada, IVE excluído.
A contía máxima da dita axuda será de 100 euros por malla de 50 m, ata un máximo de 8 mallas por explotación.
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
1. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 17 de febreiro de 2024.



