• Queixas e suxestións.
  • Localización e contacto
AGACA
  • Nós
    • Quen somos
    • Equipo Técnico
    • Organigrama
    • Referencias Históricas
  • Servizos
    • Consultoría
    • Formación
    • Seguros
    • Calidade
    • Datos
  • Cooperativas
  • INICIATIVAS
  • Cursos
  • Publicacións
  • PRENSA
    • Prensa Histórico
    • Mediateca
  • Revista
    • Revista
    • Hemeroteca
  • Blog
  • Galego
  • Spanish
No Result
View All Result
AGACA
  • Nós
    • Quen somos
    • Equipo Técnico
    • Organigrama
    • Referencias Históricas
  • Servizos
    • Consultoría
    • Formación
    • Seguros
    • Calidade
    • Datos
  • Cooperativas
  • INICIATIVAS
  • Cursos
  • Publicacións
  • PRENSA
    • Prensa Histórico
    • Mediateca
  • Revista
    • Revista
    • Hemeroteca
  • Blog
  • Galego
  • Spanish
AGACA
No Result
View All Result
Home Blog

A normativa que bandea ao sector

Publicado en Cooperación Galega, Nº 166. Decembro 2023.

Agaca by Agaca
9 de Xaneiro de 2024
in Blog, Novidades
Compartir en FacebookCompartir en Twitter

O sector agrario galego non é alleo ás necesidades de mellora e coidado medioambiental que precisan o noso hábitat e medio de vida, e tampouco ignora o empuxe da tecnoloxía e a dixitalización, xa indispensables para todos nós. O mesmo acontece coa Administración, encargada de velar e ordenar os nosos intereses dende o respecto e a protección do medio.

O final do ano 2022 foi extremadamente prolífico en canto a normativa de obrigado cumprimento, xa que, xunto a outras disposicións do ano 2023 e no marco do noso sector, as administracións públicas deseñaron unha serie de ordenanzas e recomendacións que é preciso coñecer por supoñer cambios relevantes na xestión e manexo das explotacións agrarias e gandeiras que comezarán a aplicarse ao longo do 2024.

Non é posible resumir nunhas poucas páxinas toda a nova normativa a cumprir a partir de 2024. A nosa recomendación pasa pola conveniencia de ler, con calma, cada unha das normas mencionadas.

Entendemos que non debería aplicarse ningunha norma sen explicala previamente e sen dar por feito que por aparecer publicada no BOE xa é de dominio público e comprendida por todos e todas. Neste senso, agardamos que a entrada en vigor e aplicación das obrigas especificadas se sucedan dun xeito gradual.

A través deste artigo achegarémonos a algúns dos aspectos máis transcendentes das normativas en canto a cambios inminentes e consecuencias para as explotacións e as persoas profesionais do agro. É inviable abarcar aquí a totalidade da ordenanza pola súa dimensión, por iso debemos limitarnos a unha selección previa dos contidos dun xeito moi resumido. A nosa recomendación pasa pola conveniencia de ler, con calma, cada unha das normas mencionadas.

As cooperativas deben postularse como unha canle directa e próxima de asesoramento, apoio e servizo aos socios e socias, que previsiblemente se van sentir desbordados.

Tamén entendemos que as cooperativas poden e deben converterse nun elemento fundamental para que as persoas socias poidan abordar con éxito os retos que as novas normas marcan ao sector, como unha canle directa e próxima de asesoramento, apoio e servizo.

SIEX, REA, CUE, Información unificada

REAL DECRETO 1054/2022, DE 27 DE DECEMBRO

O Real Decreto 1054/2022 regula a información, ata o de agora dispersa, de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria, e incorpora medidas novidosas como a implantación dun Sistema de Información de Explotacións agrícolas, gandeiras e da produción agraria (SIEX), do Rexistro Autonómico de Explotacións Agrícolas (REA) ou do Caderno Dixital de Explotación Agrícola (CUE).

O que se busca é unificar, nun único sistema informático, toda a documentación da que dispoñen as Administracións públicas, o que implica a obriga —para profesionais da agricultura e da gandería— de relacionarse coa Administración por medios electrónicos únicamente, excluíndo o papel.

Para acadar este obxectivo deseñáronse tres ferramentas informáticas gratuítas para as persoas usuarias e necesarias para compartir a información pertinente coa Administración: o SIEX, o REA e o CUE.

En resumo, neste Real Decreto trátase a dixitalización das relacións dos titulares das explotacións coas Administracións mediante a subministración de datos a través de programas/plataformas informáticas. Parello a este cambio do papel ao dixital subxace un substancial incremento de información relacionada coa actividade agrícola e gandeira requirida polas administracións e á que deben habituarse os profesionais do sector. Os novos temas a rexistrar teñen que ver coa fertilización das terras, a aplicación dos fitosanitarios, os regos e declaración dos cultivos e con obrigas relacionadas cos ecorréximes da PAC.

  • 166-revista-RD1054-2022-rea
  • 166-revista-RD1054-2022-siex
  • 166-revista-RD1054-2022-cue


Esta obriga podemos convertela nunha vantaxe competitiva para as cooperativas se dispoñen de persoal técnico que supervise a carga de datos e conte co permiso necesario para facer comparativas, co obxecto de introducir melloras na xestión da explotación que repercuta en beneficios económicos para o conxunto das explotacións da base social. Con acceso aos datos pode ofrecerse asesoramento de mellora. Ao longo do 2024 agárdase a posta en marcha destas ferramentas de uso obrigado para todos e todas as profesionais da Unión Europea.

ANTEPROXECTO DA LEI DO CLIMA DE GALICIA

Esta iniciativa lexislativa busca mitigar as emisións de gas de efecto invernadoiro e diminuír os seus impactos, para o que promove a potenciación da capacidade de absorción e fixación do carbono por medio dunha boa xestión dos recursos e da redución drástica das emisións dos gases de efecto invernadoiro.

Entende a necesidade de acadar un sector agrario adaptado ao cambio climático e de
optimizar a xestión forestal dos montes galegos.

Esta normativa incidirá, como suxeitos da acción climática, na Administración xeral de Galicia, nas entidades públicas do sector público galego, nas entidades locais, nos axentes económicos, nas empresas privadas e outras entidades de dereito privado, nas organizacións sindicais, nas ONG vinculadas a materia medioambiental, nas universidades galegas, nos Centros e grupos de investigación e noutras asociacións da sociedade civil con incidencia nas áreas estratéxicas da agricultura, gandería e forestal e nos usos e cambios da terra e silvicultura.

Co fin de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro elaborarase un marco regulatorio que certifique a redución baseándose nunha contabilidade do carbono a través do Rexistro Galego de pegada de carbono en coordinación co rexistro estatal correspondente.

As grandes e medianas empresas deberán inscribirse no Rexistro e facer constar os cálculos de pegada que realicen anualmente, os relacionados cos plans de redución de emisións e os proxectos voluntarios de aborción do dióxido de carbono. Aquelas persoas físicas ou xurídicas que tamén o desexen poden inscribirse.

NUTRICIÓN SOSTIBLE DOS SOLOS AGRARIOS

REAL DECRETO 1051/2022, DE 27 DE DECEMBRO

Este RD supón un marco xeral básico, de aplicación en toda España. Persegue reducir as emisións de gases efecto invernadoiro e outros gases, evitar a contaminación das augas e protexer e mellorar as propiedades biolóxicas dos solos, é dicir, optimizar o emprego de nutrientes diminuíndo o impacto ambiental.

Dun xeito equivocado a cidadanía pensa que cando se fala de fertilizantes como contaminantes se refire aos xurros da gandería. Pode ser que exista un exceso de aplicación de xurros nalgunhas superficies agrarias (aspecto que deberá corrixirse), pero a mala aplicación de determinados fertilizantes inorgánicos (como a urea sen protexer) son auténticas bombas contaminantes de Gases de Efecto Invernadoiro, e incomprensiblemente non se prohibe o seu comercio: uns levan a fama e outros cardan a lá.

Esta norma, que entra en vigor en 2024, obriga a agricultores e gandeiros a subir ao CUE as fertilizacións que se aplican aos cultivos de xeito que, a 1 de setembro de 2024, deben ter un Plan de Fertilización de cada finca da explotación, dando prioridade ao uso de fertilizantes orgánicos (xurros e estercos) sobre os inorgánicos. Deberán subir ao CUE o Plan de Abonado coas analíticas do solo de cada parcela, así como a analítica dos xurros, doses e datas aproximadas de aplicación, previsión de chuvias… O Plan de Fertilizado pode variarse en función do clima previsto e o clima real no intre da aplicación.

A norma establece que, en caso de que a persoa granxeira non conte cos títulos e coñecementos que marca a norma, necesitará dun asesoramento a efectos de elaborar o Plan.

Hai posibilidade de acceso aos aplicadores de mangueiras para todos as persoas granxeiras de Galicia?

Hai posibilidades de financiamento na compra da maquinaria (tractor, cisterna e aplicador) necesaria para cumprir coa norma?

Os aplicadores non se poden usar na gran maioría das cisternas nin os tractores teñen potencia suficiente para manexar as cisternas e aplicadores que cumpran coa norma.

Parece evidente que as dispoñibilidades son as que son, e sábese que é preciso tempo para dispoñer dos medios necesarios para cumprir coa norma.

Agardamos que as autoridades comprendan e asuman a realidade antes de aplicar a norma redactada á marxe do sector.

En todo caso, as cooperativas de maquinaria en común e as dotadas con parque de maquinaria volven ser unha referencia para achegar solucións neste ámbito, así como os servizos técnicos das cooperativas, tamén claves no intre de colaborar cos profesionais na redacción do correspondente Plan de Abonado e na realización das correspondentes análises de terras e de xurros.

O aspecto máis controvertido desta norma está relacionado coa prohibición do uso do prato, abanico ou canón a partir do 1 de xaneiro de 2024, salvo en fincas con inclinación determinada. Tamén establece a obriga de enterrar o esterco en menos de 12 horas. A norma prohibe o uso de carbonato amónico e de urea sen protexer nos fertilizados da granxa, aínda que permite usar os estercos de granxeiros terceiros (porcos e galinácea) en determinadas condicións. En todo caso, o Plan de Fertilización debe contemplar claramente que os fertilizantes que se aplican no solo deben ser en doses menores ou iguais ás establecidas en función das necesidades dos cultivos, e dun xeito moi especial nos apartados de nitróxeno e fósforo.

Finalmente, a norma establece excepcións no uso do prato para a aplicación de xurros: poderase aplicar se as pendentes medias do terreo son superiores ao 10%, e mesmo naquelas explotacións con máis da metade da súa superficie con pendentes medias superior ao 10% ou cando os recintos con pendentes inferiores ao 10% de media sexan de menos de dúas hectáreas.

COMERCIALIZACIÓN, DEFORESTACIÓN E DEGRADACIÓN FORESTAL

REGULAMENTO (UE) 2023/1115, DE 31 DE MAIO DE 2023

Que desenvolve o Regulamento (UE) 2023/1115 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á comercialización no mercado da Unión e á exportación dende a Unión de determinadas materias primas e produtos asociados á deforestación e a degradación forestal e polo que se derroga o Regulamento (UE) N. 995/2010?

Esta disposición marca as normas relativas á exportación, importación e comercialización no mercado da Unión de produtos que conteñen ou se alimentaron ou elaboraron coas materias primas pertinentes: gando bovino, café, palma aceiteira, caucho, soia e madeira co fin de reducir, ao mínimo, a contribución á deforestación e á degradación forestal e de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e a perda de biodiversidade.

Prohibe importar, exportar e comercializar materias primas que non estean libres de deforestación, que non se produciran de acordo coa lexislación do país de produción e que non estean amparadas por unha declaración de dilixencia debida, que os operadores deberán revisar, como mínimo, unha vez ao ano.

Declaración de dilixencia debida

Como moi tarde, o 30 de decembro de 2024 a Comisión establecerá e manterá un sistema de información que conterá, entre outras, as declaracións de dilixencia debida que incluirán: o rexistro dos operadores e comerciantes e dos seus representantes autorizados na Unión, un rexistro das declaracións efectuadas e un rexistro dos resultados dos controis desenvolvidos.

Que información debe incluírse?

Algúns datos que deben figurar nas declaracións de dilixencia debida son: o nome e enderezo do operador, o código do Sistema Armonizado, descrición e nome comercial e científico (se procede), cantidade de produto a introducir e país de produción e xeolocalización das parcelas onde se xestaron as materias primas pertinentes.

SIGE

REAL DECRETO 1053/2022, DE 27 DE DECEMBRO

Dende o 1 de xaneiro de 2024, todas as explotacións de bovino de máis de 20 UGM (artigo 9: grupos II, III e IV) deberán contar obrigatoriamente cun Sistema Integral de Xestión nas súas explotacións (SIGE). O contido deberá actualizarse cada cinco anos ou en caso de producirse cambios substanciais nas instalacións ou nas prácticas de manexo.

A súa elaboración é responsabilidade da persoa granxeira, excepto as partes vinculadas a aspectos sanitarios, de benestar animal, hixiene ou bioseguridade, que recaerán no profesional veterinario da explotación. Ademais, inclúe un Listado de Mellores Técnicas Dispoñibles para a redución de emisións en gando bovino. Iso si, debe estar actualizado e a disposición da autoridade competente da comunidade autónoma que o solicite ou realice unha visita á explotación.

O SIGE debe incluír, como mínimo, aspectos como as condicións estruturais e ambientais da granxa, a identificación da persoa veterinaria, un Plan Sanitario, un Plan de Benestar Animal, un de Formación e outro de Xestión Ambiental.

En resumo, o SIGE é un conxunto de documentos que deben recoller como é, como se xestiona e a reciclaxe formativa dos granxeiros e granxeiras dunha explotación de bovino que teña máis de 20 UGM. Por suposto, debe contemplar o correcto funcionamento da granxa.

O ideal é que o SIGE se elabore directamente polo gandeiro ou gandeira coa colaboración do Veterinario/a da Explotación (nova figura da que falaremos posteriormente). O SIGE diferencia entre as granxas xa constituídas e os proxectos de novas instalacións a construír (sendo moito máis estrito coas novas que coas xa en activo), con ata catro grupos de granxas segundo o número de animais. As de menos de 20 UGM serán do Grupo I; entre 20 UGM e menores de 180 UGM do Grupo II; entre 180 UGM e 850 UGM do Grupo III e maiores de 850 UGM do Grupo IV. As esixencias recollidas no SIGE serán maiores nos Grupos de maior número de UGM.

Veterinario/a de explotación, patio exterior, cortes trabadas, grella… forman parte dos novos requirimentos de difícil solución, onde as cooperativas volven formar parte dalgunhas das solucións que necesitan os socios e socias, así como dunha racional aplicación da norma.

Listado de Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD) para a redución de emisións en gando bovino

Para cumprir co artigo 11.1 do RD onde se establecen as normas básicas de ordenación das explotacións bovinas —que en materia de redución de emisións entrarán en vigor o 1 de xuño de 2024, en caso de modificación estrutural da explotación, e o 1 de xuño de 2025, en caso contrario— editouse un listado de mellores técnicas en materia de xestión nutricional, instalacións de aloxamento dos animais e almacenamento de estercos (sólidos, líquidos e xurros).

  • Xestión nutricional

En canto á xestión nutricional, entre os puntos contemplados no listado destacan os relacionados coa redución do nitróxeno excretado e coa redución das emisións de metano. Co fin de reducir o volume de nitróxeno, satisfacendo ao mesmo tempo as necesidades nutricionais, recoméndase reducir o contido de alimento en proteína bruta (equilibrando nitróxeno e enerxía) e aplicar unha alimentación multifase, cunha formulación do penso adaptada ás necesidades do período produtivo.

Por outra banda, para reducir as emisións de metano, ademais dunha alimentación multifase de características similares ao caso anterior, cómpre mellorar a dixestibilidade da forraxe empregando amidóns con baixa degradabilidade ruminal, aumentar a achega de concentrados, forraxes de calidade e menor contido en fibra, e diminuír o estado de madurez do pasto e/ou forraxe concentrada.

  • Aloxamentos de animais

Na procura de reducir as emisións de amoníaco á atmosfera en cada nave con estabulación permanente ou semipermanente, cómpre empregar unha combinación de técnicas como separar as feces dos ouriños, manter a cama limpa e seca, reducir o pH dos xurros, refrixeralos, acidificalos ou retiralos varias veces ao día, entre outras moitas indicacións.

No caso de empregar o pastoreo total ou parcial e/ou explotacións de vacas nutrices, para reducir as emisións de amoníaco, a mellor técnica consistiría en manter aos animais en pastoreo un tempo mínimo de 12, 18 ou 24 horas sobre as 24 horas do día e, no manexo, aumentar a lonxevidade, a produtividade, as taxas de fertilidade ou mellorar a saúde e benestar dos animais.

  • Almacenamento dos estercos líquidos ou xurros

Cando se trata de reducir as emisións de amoníaco procedentes do almacenamento e depósito de xurros, algunhas indicacións a seguir
pasan por construír instalacións e equipos de proba de fugas para a súa recollida e transferencia (fosas, canais, sumidoiros etc.), instalar un sistema de detección de fugas ou ter en conta, no deseño e xestión axeitados, que reduza a velocidade do vento sobre a superficie do xurro, o tipo de cuberta empregada (ríxida, flexible, flotante etc.), entre outras propostas.

  • Almacenamento de estercos sólidos

Para diminuír as emisións de amoníaco neste caso poderíase usar (como nos casos anteriores) unha ou algunha técnica entre as que se atopan a opción de almacenar o esterco nun alpendre, reducir o coeficiente entre a superficie de emisión e o volume de montón de esterco sólido ou cubrir os montóns.

Para evitar ou, de non ser posible, reducir as emisións ao solo e á auga pódese empregar un silo de formigón ou, por exemplo, seleccionar unha nave de almacenamento con capacidade suficiente para conservar o esterco nos períodos nos que non é posible aplicalos no campo.

  • Tratamento in sistu dos estercos

De tratarse o esterco in situ, a mellor técnica consiste en manipulalo mediante separación mecánica dos xurros, por exemplo por medio dun decantador centrífugo, un separador de prensa de parafuso, coagulación-floculación, peneirado ou filtros-prensa; dixestión anaeróbica do esterco nunha instalación de biogás; nitrificación-desnitrificación de xurros e/ou a compostaxe do esterco sólido.

  • Aplicación a campo de estercos

De tratarse de estercos líquidos —está prohibida a aplicación dos xurros mediante sistemas de prato, abanico e por canón, salvo en recintos con pendentes medias superiores ao 10%—, pode empregarse un espallador en bandas mediante a técnica de tubos ou zapatas colgantes e/ou a inxección superficial (suco aberto), a inxección profunda (suco pechado) e a acidificación dos xurros. Nos estercos sólidos, procurarase aplicar o esterco ao chan o antes posible.

  • Outras técnicas relacionadas coa xestión ambiental

Neste punto entraría o uso eficiente da enerxía e da auga, controlando e reducindo as emisións de augas residuais e as acústicas e de polvo, así como os olores, entre outras.

Son moitas novas normas a aplicar nas granxas, especialmente nas dos grupos máis elevados (Grupos III e IV), pero dende o noso punto de vista deberiamos centrarnos inicialmente nos aspectos máis básicos, como que a granxa dispoña dunha fosa de xurro ben dimensionada, pechada e cuberta; dun aplicador de xurro, caso de que o necesite (algo a dispoñer nas cooperativas ou na CUMA), que a urea que use sexa sempre protexida e que use acidificantes para o xurro ou semellantes.

Despois destas medidas básicas poderase avanzar nas medidas propostas nas MTD.

VETERINARIO/A DE EXPLOTACIÓN, UNHA NOVA OBRIGA DA GRANXA

O REAL DECRETO 364/2023 REGULA A FIGURA QUE EXERCERÁ OS LABORES VETERINARIOS NA GRANXA: «VETERINARIO/A DA EXPLOTACIÓN»

Dende o 17 de maio de 2024, todas as granxas (a partir de certo número de animais) deberán dispoñer dun/dunha Veterinario/a de Explotación e deberán comunicar á Consellería do Medio Rural os datos da persoa, empresa ou organización que preste estes servizos. Se a explotación forma parte dunha cooperativa, ADSG (Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira) ou empresa integradora que ofrece servizos veterinarios, será a entidade quen realizará esta comunicación á autoridade competente.

Estes servizos veterinarios (poden (poden realizar máis actividades na granxa que as asignadas como Veterinarios/as de Explotación) teñen como funcións principais:

• Redacción e supervisión do Plan Sanitario e de Benestar Animal, incluíndo a realización das visitas zoosanitarias e a promoción de medidas de mellora.

• Asesoramento en materia de sanidade, identificación, rexistro, bioseguridade, vixilancia sanitaria, aplicación de Guías de Boas Prácticas de hixiene (control de pragas, auga, alimentación…).

• Papel activo na concienciación sobre: sanidade animal e a súa interacción co benestar e a saúde humana, a prevención, detección
temperán e resposta rápida ás enfermidades e á resistencia antimicrobiana e as súas consecuencias.

Esta nova norma multiplica os requirimentos e trámites dunha granxa.

No sector agárdase que este Real Decreto se aplique con moito sentido común para evitar medidas que multipliquen os trámites sen achegar maior seguridade alimentaria nin beneficios de calquera outro tipo. O custo de dispoñer dun profesional pode converterse en inviable para as granxas de menos animais.

Por outra banda, este Real Decreto pode supoñer un cambio de paradigma na relación das persoas socias coa cooperativa, moi especialmente naquelas que xa dispoñen ou están poñendo a disposición delas—a través de diferentes estruturas—, servizos veterinarios e de asesoramento.

As cooperativas deben ir un paso por diante.

Leer revista completa:

Asociación Galega de Cooperativas Agrarias

Santiago de Compostela
Delegación Lugo
Delegación Ourense

Teléfono sede central: 981.58.47.83
Correo electrónico sede central:
agaca@agaca.coop

Menú

  • Localización e contacto
  • Traballa con nós
  • Aviso legal
  • Política de calidade
  • Política de privacidade
  • Perfil do contratante
  • Protocolo prevención acoso sexual
  • Queixas e suxestións. Asesoramento ao Gandeiro
  • Canle Interna de Información
  • Comunicación a provedores
  • Galego
  • Spanish

Participa

© 2020 Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.

No Result
View All Result
  • Nós
    • Quen somos
    • Equipo Técnico
    • Organigrama
    • Referencias Históricas
  • Servizos
    • Consultoría
    • Formación
    • Seguros
    • Calidade
    • Datos
  • Cooperativas
  • INICIATIVAS
  • Cursos
  • Publicacións
  • PRENSA
    • Prensa Histórico
    • Mediateca
  • Revista
    • Revista
    • Hemeroteca
  • Blog
  • Galego
  • Spanish

© 2020 Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.

Gestionar el consentimiento de las cookies
Para ofrecer las mejores experiencias, utilizamos tecnologías como las cookies para almacenar y/o acceder a la información del dispositivo. El consentimiento de estas tecnologías nos permitirá procesar datos como el comportamiento de navegación o las identificaciones únicas en este sitio. No consentir o retirar el consentimiento, puede afectar negativamente a ciertas características y funciones.
Funcional Always active
El almacenamiento o acceso técnico es estrictamente necesario para el propósito legítimo de permitir el uso de un servicio específico explícitamente solicitado por el abonado o usuario, o con el único propósito de llevar a cabo la transmisión de una comunicación a través de una red de comunicaciones electrónicas.
Preferencias
El almacenamiento o acceso técnico es necesario para la finalidad legítima de almacenar preferencias no solicitadas por el abonado o usuario.
Estadísticas
El almacenamiento o acceso técnico que es utilizado exclusivamente con fines estadísticos. El almacenamiento o acceso técnico que se utiliza exclusivamente con fines estadísticos anónimos. Sin un requerimiento, el cumplimiento voluntario por parte de tu Proveedor de servicios de Internet, o los registros adicionales de un tercero, la información almacenada o recuperada sólo para este propósito no se puede utilizar para identificarte.
Marketing
El almacenamiento o acceso técnico es necesario para crear perfiles de usuario para enviar publicidad, o para rastrear al usuario en una web o en varias web con fines de marketing similares.
Manage options Manage services Manage vendors Read more about these purposes
Ver preferencias
{title} {title} {title}