- O monográfico “O sector lácteo español na encrucillada” analiza en profundidade un sector que en Galicia representa o 30,8 % da produción agraria.
O presidente da Asociación Galega de Cooperativas (AGACA), José Severino Montes; o presidente Cajamar Caixa Rural, Eduardo Baamonde, e o profesor da Universidade Complutense de Madrid e coordinador da obra, Miguel Ángel Díaz Yubero, presentaron esta mañá en Santiago de Compostela a publicación monográfica de Cajamar “O sector lácteo español na encrucillada”, nunha xornada na que participaron Jorge Santiso, enxeñeiro agrónomo e exprofesor asociado no departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago; Román Santalla, secretario de Gandería da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), e José Luis Antuña, director xeral de Feiraco Sociedade Cooperativa Galega, e que foi clausurada pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
O coordinador da publicación, Miguel Ángel Díaz Yubero, destacou que o sector lácteo español está en crise, dado que ten déficits estruturais que o sitúan nunha posición de debilidade ante os novos escenarios de liberalización: “os incrementos de produción no últimos tres anos, o descenso do consumo interno, a aínda débil presenza exterior, a falta de estruturas organizativas e a caída das exportacións dos países que lideran o sector europeo han agravado a situación na que se atopa o sector desde hai dous anos”. A iso débese que existan profundas dúbidas sobre como se debe afrontar o futuro, ademais de ter esperanzas en que suban os prezos a medio prazo e, mentres tanto, que as Administracións Públicas mitiguen a crise mediante axudas económicas.
Durante a súa intervención, o presidente de Cajamar Caixa Rural, Eduardo Baamonde, apostou “pola capacidade do sector lácteo español para afrontar os retos que se lle presentan nos próximos anos”, e asegurou que, para iso, “son claves a innovación, o mercado exterior e unha maior coordinación para que en anos vindeiros este sector sexa tan produtivo e eficiente como o doutros países europeos”. Sobre todo afirmou que se “deben aproveitar as oportunidades que se nos abren, nun país como o noso que é altamente deficitario en produtos lácteos, que teñen que ser importados”. E indicou que dende Cajamar, como caixa rural e cooperativa de crédito estreitamente vinculada á actividade agrícola “queremos contribuír á procura de solucións, así como a atender as necesidades de tesourería das explotacións gandeiras e a abordar os investimentos que axuden á transformación estrutural de todo o sector”.
Pola súa banda o presidente de AGACA, José Severino Montes, agradeceu a Cajamar que contase con AGACA para a presentación do libro en Galicia, indicando que “estudos como este son moi importantes para partir da realidade e avanzar cara á estabilidade do sector, vital na economía galega”. Montes sinalou a Galicia como “rexión líder de produción láctea en España” e fixo referencia ao “reto no que se moven as cooperativas para a integración do sector”, resaltando a orientación das “institucións que nos movemos dentro da economía social cara á xeración de emprego polo impacto positivo que representa neste momento crítico”, algo que, afirmou, “identifícanos con este estudo e o proxecto que se presenta”.
Nesta publicación, un grupo de 33 cualificados expertos, estudosos e técnicos fan un percorrido polos aspectos máis relevantes que caracterizaron a este sector nos máis de 20 anos transcorridos desde a implantación das cotas lácteas comunitarias: a súa estrutura de produción, a falta de vertebración, a debilidade cooperativa, as medidas de apoio da Unión Europea, o denominado “paquete lácteo”, o impacto da lexislación dirixida a mellorar o funcionamento da cadea alimentaria e os factores de innovación no sector industrial, entre outros.
Os autores tamén dan luz e analizan diversas alternativas para construír un sector lácteo español forte, eficiente e competitivo a través da innovación tecnolóxica, a calidade, a diversificación de produtos, a aposta polo mercado exterior, as organizacións de produtores ben estruturadas, as protección de marxes, as alianzas empresariais e as coordinación entre os participantes da cadea de valor.
En Galicia,o sector lácteo representa o 30,8 % da produción da rama agraria e o 46,24 % da produción gandeira. E a facturación da industria láctea supón o 16,3 % da facturación da industria alimentaria galega.
España produce 6,5 millóns de toneladas, ocupa a sétima posición dentro da Unión Europea, e o seu leite de vaca achega o 15,8 % da Produción Final Gandeira (PFG) e o 6,4 % da Produción Final Agraria (PFA).
Ademais, este sector ten un grande impacto social sobre os territorios nos que se asenta, xa que á importante xeración de emprego que supón, con máis de 40.000 persoas traballando nalgunhas das fases da cadea, hai que engadir a diversidade de empresas vinculadas, como as de pensos, sanidade animal e equipamento.
Pola súa banda, a Unión Europea produce máis de 150 millóns de toneladas ao ano e é líder mundial na produción de leite de vaca. Esta actividade achega o 30 % da PFG e supón o 13% da PFA comunitaria, sendo o segundo bloque exportador.
Ante esta realidade, a UE conta como pouco con 28 modelos produtivos e multitude de estruturas empresariais con intereses moi diversos e, a xuízo dos autores, o que pode ser bo para países como Dinamarca, Holanda ou Irlanda, próximos ás estruturas de produción e comercialización de países moi eficientes como Nova Zelandia, é prexudicial para outros moitos, e de forma especial para España.
A publicación “O sector lácteo español na encrucillada” pode descargarse de maneira gratuíta en: : www.publicacionescajamar.es




