- O Centro da Rede Eusumo Fundación Terra de Trasancos (Narón) acollerá entre mañá e pasado mañá a estudantes de dous centros educativos da cidade de Lugo.
- Participarán nunha charla informativa, impartida por técnicos de Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), e percorrerán as instalacións da cooperativa Santa María do Val.
- As actividades son parte da Rede Eusumo para o para o Fomento do Cooperativismo e a Economía Social.
Técnicos de AGACA impartirán mañá unha xornada didáctica sobre as vantaxes do cooperativismo como fórmula de emprendemento e de crecemento laboral e económico para o alumnado de terceiro curso da ESO do Colexio María Auxiliadora, preto de 50 rapaces e rapazas. Pasado mañá será un grupo duns 30 estudantes do Colexio Plurilingüe San José quen se desprace ata Narón.
O obxectivo das actividades, enmarcadas nun “Obradoiro de Emprendemento Cooperativo Eusumo”, é darlles a coñecer este modelo de negocio aos mozos e mozas, para que o teñan en consideración ao finalizar os seus estudos.
Logo das charlas teóricas, visitaranse as instalacións da cooperativa Santa María do Val, dedicada a proporcionar servizos e insumos agropecuarios, para coñecer paso a paso os pormenores do funcionamento dunha sociedade destas características.
Rede Eusumo
Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, naci¬da no 2011 co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria.




