SAVES – Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social é unha plataforma dixital desenvolvida dende a Universidade de Vigo, co apoio de AGACA, que ten o obxectivo recompilar as cifras do Movemento Cooperativo en Galicia.
SAVES pretende amosar a información social e económica relativa ás sociedades cooperativas galegas presentada de tal maneira que promova a difusión do cooperativismo, axude á toma decisións a nivel empresarial e da Administración, e contribúa á investigación sobre este tipo de organizacións.
Que podo atopar en SAVES?
Asistente Virtual
O Asistente Virtual SAVES é unha ferramenta deseñada para que as persoas usuarias poidan empregar a información recollida na base de datos SAVES para satisfacer as súas necesidades ‘á carta’, ben sexa para:
- coñecer a situación do cooperativismo e a economía social nun período de tempo concreto ou nun determinado sector,
- comparar a información real da súa propia cooperativa cos valores medios dun grupo de entidades similares á súa,
- coñecer o valor de diferentes indicadores en sectores ou subsectores específicos.
Son unha cooperativa agroalimentaria. Por que me interesa?
O Asistente conta con varias seccións, pero dúas delas son de especial interese:
SAVES Coop permite comparar os datos reais dunha serie de indicadores dunha cooperativa con datos doutro grupo de cooperativas de características similares: un punto de partida para a elaboración dun DAFO completo.
Un dos públicos aos que se destina principalmente son as persoas socias e membros da dirección das cooperativas.
Se es membro do equipo de administración ou o consello reitor dunha cooperativa socia de AGACA, podes consultar en SAVES os datos da túa entidade e realizar numerosas comparacións con outros grupos de cooperativas e sectores.
Podes conseguir usuario e contrasinal completando o formulario de solicitude nesta páxina: https://saves.uvigo.gal/login.php?redirect=/dafo-coop.php
SAVES Agro permite mostrar a realidade en cifras do cooperativismo agrario e a súa evolución recente (ferramenta “Cifras Básicas“) e comparar distintos grupos de cooperativas (ferramenta “Comparador“).
Diríxese a todas as persoas interesadas no agrocooperativismo, dende o público en xeral ao persoal investigador ou as Administracións.
O seu uso está aberto a calquera persoa.
Estatísticas
Estatísticas do movemento cooperativo galego elaboradas polo equipo de investigación de SAVES. Preséntanse en forma de táboa e actualízanse periodicamente.
Conta con filtros para atopar as estatísticas seleccionando tres tipos de parámetros:
- categoría
- ano ou período ao que se refire a estatística
- tipo de estatística
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
![]()











