- Os estudantes do IES Leixa (Ferrol) asistiron esta mañá ao obradoiro sobre economía social organizado por AGACA na Fundación Terra de Trasancos.
- A actividade forma parte da Rede Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a economía social e o cooperativismo como modelo de negocio de éxito.

Estudantes de Formación Profesoinal do instituto ferrolán Leixa participaron esta mañá nunha charla sobre as características e vantaxes do cooperativismo como opción de futuro laboral, especialmente no medio rural. A iniciativa, que tivo lugar na Fundación Terra de Trasancos, enmárcase nun dos talleres “Emprendemento e cooperativas. Modelo de éxito” da Rede Eusumo.
Técnicos de la Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) explicaron as características do modelo cooperativo e como favorecen o emprendemento e mantemento de negocios en diversos sectores tanto de produción como de servizos. Entre as calidades positivas destacáronse a toma democrática de decisións e o reparto equitativo de beneficios, así como a diminución de riscos asociados ao emprendemento.
Ademais, os estudantes puideron percorrer as instalacións de produción hortícola e as de servizos, coma tenda agraria ou perruquería, para aprender o funcionamento diario dunha cooperativa e o que pode achegar ás persoas socias.
Rede Eusumo
A Fundación Terra de Trasancos funciona como Centro Rede Eusumo para a formación e difusión en cooperativismo. Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a rede de colaboración Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
01/06/2017




