Co paso do tempo, os esforzos e valores impulsados polas persoas vense ameazados e tenden a esquecerse. Sempre a familia, os amigos e aqueles que compartiron inquedanzas nas organizacións tentamos lembrar aquelas cousas que nos axudaron e que animaron o avance do cooperativismo.
Co pasamento de José Luís López Vázquez, o pasado mes de febreiro, non só despedimos a un pai, a un esposo, a un amigo e a un gandeiro xubilado. Tamén nos tocou compartir a dor por un cooperativista convencido, un presidente dunha cooperativa integradora e un presidente de AGACA durante oito anos. Pero ese adeus será menos adeus se lembramos as súas ideas, as súas inquedanzas, os seus logros, as súas ilusións e, incluso, os seus entretementos.
Tocoulle presidir, moderar e avanzar con acordos na cooperativa de segundo grao comarcal de gandeiros produtores de leite en épocas complexas: con crise na industria, con cotas lácteas á produción, coa enorme necesidades de medrar dos gandeiros, con grandes tensións políticas e sociais no agro.
Poñía en valor a Granxa de Barreiros, situada preto da casa onde naceu, e a Avelino Pousa Antelo, pola labor docente e de animación que esta institución exerceu na comarca de Sarria. Lembraba a formación recibida, así coma o campeonato nacional de arada ao que, sendo mozo, acudía para mostrar a súa destreza na complexa tarefa agrícola.
Sempre escoitamos a José Luis falar en termos económicos, aspecto clave do seu xeito de ver a produción agraria e gandeira. Reiteraba constantemente a necesidade de ser eficientes, de facer os investimentos axeitados e dos retornos agardados destes. A veces eran da produción de millo forraxeiro, onde sempre insistía na importancia de acadar volume e calidade; outras, dos niveis de calidade dos ensilados de herba. Falaba da importancia da xenética, da alimentación do rabaño, para rematar sempre referíndose á rendibilidade e ao endebedamento axeitado, nunca excesivo. Tal vez por iso, foi durante anos vogal de Caixa Rural de Lugo.
No que cría, así que o tiña ben avaliado, gustáballe ser pioneiro. Foi dos primeiros gandeiros galegos en instalar un robot de muxido. Recibiu con gusto multitude de gandeiros e preguntas explicando a súa experiencia. Compartía sen reparos en detalles: aberto aos demais. Atento, moi atento ás explicacións que de adulto recibiu para converterse en pequeno viticultor e viñateiro dun viño amandi ben valorado por tradicional e de sabor auténtico.
Cooperativista, de trato agradable, simpático e contador de chistes entre gandeiros e amigos, e persoa moi familiar. Custáballe a formalidade política, pero, pese a iso, exerceu de magnífico anfitrión do V Congreso de Cooperativas Agro-alimentarias de España celebrado en Santiago en 2006. Lembrámoste. D.E.P.
Ler revista completa:




