- A distribuidora alimentaria estima comprar máis de 1.425.000 quilos de produto este ano o que supón un 25% máis con respecto ao ano anterior.
- A compañía galega e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) renovaron, no marco da 39ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, o convenio de colaboración que cumpre cinco anos.
Coincidindo coa 39ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, e o presidente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), José Montes, acompañados pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, renovaron o protocolo de colaboración, posto en marcha no 2011, para a comercialización de produtos agrarios de calidade, con trazabilidade, na rede comercial de Vegalsa-Eroski conformada por un total de 261 tendas.
Horta rendible e de calidade
Seis son as entidades de AGACA (cinco cooperativas e unha SAT) que forman parte deste proxecto e que viron incrementada a súa facturación en 2015 con respecto ao anterior, alcanzando un total de 1.251.000 euros.
O volume de produción durante o pasado exercicio foi de 1.140.000 quilos a través da comercialización de 27 produtos típicos da nosa terra e de gran calidade. A previsión para o presente exercicio pasa por incrementar en máis do 25% os volumes comercializados co grupo de distribución.
Grazas ao convenio de Vegalsa-Eroski e AGACA, en 2015 produciuse un aumento de produción con respecto á campaña anterior do 25% en volume de produción e do 6% en euros de venda. Os alimentos máis demandados foron as leitugas Trocadero, o pemento de Padrón, os allos porros e as xudías. Entre os obxectivos do acordo de colaboración atópase implantar novas referencias, mantendo as recollidas no convenio anterior.
Aposta polos provedores galegos
Este acordo naceu do compromiso que Vegalsa-Eroski ten co medio rural e a economía agraria como fortes impulsores do desenvolvemento económico e social de Galicia, así como a firme aposta na súa estratexia comercial co desenvolvemento dos produtos galegos de calidade diferenciada. A través da firma de diversos convenios de colaboración con diferentes Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas e de participar en numerosas accións en favor do desenvolvemento do medio rural, a compañía logrou que os produtos galegos signifiquen cada ano un maior volume das súas compras (máis de 260 millóns de euros en 2015) e unha presenza moi destacada nas súas tendas.
A quinta renovación deste convenio xorde ademais da posta conxunta entre o grupo de distribución e AGACA pola innovación e o desenvolvemento empresarial de base cooperativa situando o asociacionismo agrario galego en xeral, e hortofrutícola en particular, no escenario do I+D+i como forma de afrontar o reto da competitividade.




