- Nove firmas, maioritariamente de cooperativas agroalimentarias galegas, participan neste escaparate de innovación comercial para potenciar os seus produtos e servizos dende o valor que achega a proximidade.
- A iniciativa, impulsada por AGACA baixo o marco europeo Interreg Poctep, arranca na mañá deste venres 6 de marzo.
- As marcas rotarán durante cinco semanas (venres e sábados) de marzo e maio.

O mercado de Abastos de Santiago acolle dende este venres (6 de marzo) unha nova edición de “Espazos Efémeros de Emprendemento 2026”, unha iniciativa desenvolvida pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) para impulsar a visibilidade do modelo cooperativo a través do formato pop-up, con stands temporais.
Baixo o paraugas do programa europeo Interreg Poctep ES_FACTORY, o evento funciona como un escaparate de innovación comercial. Durante varias semanas (só venres e sábados) de marzo e maio, as persoas visitantes poderán interaccionar cos representantes das distintas empresas de economía social con orixe no rural galego, nun contorno de proximidade e contacto directo.
Máis alá do carácter empresarial, Espazos Efímeros convida á cidadanía a redescubrir o produto galego dende unha óptica moderna. Os asistentes poderán gozar dunha experiencia de compra diferente, coñecer os procesos de elaboración de man dos seus protagonistas e apoiar directamente o emprendemento do noso territorio.
As empresas participantes, ademais do contacto directo co público, disporán de apoio específico no ámbito da estratexia, comunicación e promoción ao longo de varias sesións con profesionais expertos que se desenvolverán nas tardes dos venres.
Como indica Carlos Ares, director-xerente de AGACA: “queremos que o consumidor non só compre un produto, senón que entenda o valor social e a innovación que hai detrás de cada cooperativa”.
Empresas participantes
As firmas que estarán presentes nos stands representan a diversidade e calidade do nosos produtos de orixe cooperativa: Bico de Xeado (marca de xeados da Cooperativa Provincial de A Coruña); Campo Capela; Queixería Dona Cobiña (da cooperativa Cobideza); Eidosela (viños); Moraima (cooperativa Viña Moraima); Paco & Lola; Terras da Mariña; Únicla (marca vinculada a Clun) e Entrelampo (asociación pro saúde mental que procura creación de emprego a persoas con problemas de saúde mental graves e cultivan produtos de horta).
Calendario
A iniciativa desenvolverase en dúas fases nos meses de marzo e maio, entre as 9:30 e as 15:00 h:
- Marzo: Venres 6 e sábado 7 | Venres 13 e sábado 14.
- Maio: días 8-9, 22-23 e o peche final o 29-30 de maio.
El proyecto 0259_ES_FACTORY_1_E está cofinanciado por el Fondo Europeo de Desarrollo Regional FEDER en el marco del programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027



