En AGACA impulsamos, en colaboración con nt:FOR, a compañía de formación de Grupo Nortempo, un programa de cursos 100% gratuítos dirixidos ao sector da industria alimentaria, do comercio, e outros. Están subvencionados polo Ministerio de Traballo e Economía Social a través do Servizo Público de Emprego (SEPE), e ao seu remate entrégase un diploma de Especialidade Formativa.
Pódese acceder ao catálogo de cursos nesta ligazón e inscribirse nos que interesen, o único requisito é formar parte do sector do curso. É unha interesante oportunidade de formarse con nt:FOR, porque as convocatorias xa están abertas e as prazas son limitadas.
Vantaxes de formarcse con nt:FOR
- Trátase de cursos 100% GRATUÍTOS, e non afectan á cota de bonificación que poida ter a empresa.
- Son cursos en modalidade en liña, polo que é posible realizalos a un ritmo personalizado.
- Un/a titor/a acompañará a cada alumno/a ao longo da formación.
- Obtención dun certificado de aproveitamento ao final.
Concretamente, para o SECTOR DA INDUSTRIA ALIMENTARIA preséntannos unha relación ampla de cursos, que capacitará aos profesionais do sector para adaptarse ás novas normativas e tendencias. Foron deseñados co obxectivo de mellorar a seguridade e calidade dos alimentos, axudando a comprender os riscos de contaminación dos alimentos e a adoptar as medidas necesarias para previla, reducindo custos, aumentando a produtividade e a traballar de forma máis eficiente.
Destacan os cursos dedicados á calidade e a rastrexabilidade na industria alimentaria. A formación neste aspecto é crucial para garantir a calidade e inocuidade dos produtos alimentarios e protexer a saúde dos consumidores, reforzando a súa confianza.
Con esta formación apréndense ou amplíanse coñecementos sobre xestión e implantación de sistemas de calidade segundo a norma ISO 9000 e os principais conceptos sobre seguridade alimentaria.
No curso de rastrexabilidade na industria alimentaria poderá identificarse e discriminar entre o conxunto de medidas, accións e procedementos que permiten rexistrar e identificar cada produto, dende a súa orixe ata o seu destino final, promovendo o incremento da seguridade nos distintos procesos e procurando reducir o número de incidencias detectadas.
Na formación de protocolos IFS e BRC en seguridade alimentaria, identifícanse os requisitos de seguridade alimentaria, e as marcas de calidade que se derivan da implantación e certificación nas normas International Food Standard (IFS) e o protocolo BRC Food.
No curso de xestión de sistemas de seguridade alimentaria, adquírense os coñecementos necesarios para implantar, manter, mellorar e xestionar sistemas APPCC, cumprindo cos requisitos da seguridade alimentaria en organizacións de calquera tamaño e actividades relacionadas coa alimentación.
Para os asociados que pertencen ao SECTOR DO COMERCIO, a oferta formativa que nos presentan está relacionada coa venda en liña, tendas virtuais, posicionamento da web, temática que axudarán a vender máis no mundo online.
E tamén ofrecen a todos os asociados, independentemente do sector ao que se pertenza cursos relacionados coa xestión do noso negocio: compras e aprovisionamento, selección de persoal, ofimática, etc. que nos axudarán a ser máis competitivos.
Más información: Ana Rodríguez 986 388 957 (13629) – M 676 538 657.



