A falta de man de obra no sector agrario e gandeiro galego coincide cun contexto no que milleiros de persoas migrantes e solicitantes de protección internacional buscan unha oportunidade laboral estable. As cooperativas agroalimentarias sitúanse nun punto clave para converter este reto nunha oportunidade de desenvolvemento económico, social e territorial, así o reflicten os datos estatais e as primeiras experiencias reais en Galicia.
O cooperativismo agroalimentario español representa hoxe unha peza fundamental da economía rural. Segundo o Observatorio Socioeconómico do Cooperativismo Agroalimentario Español 2023 (OSCAE), existen no Estado 3669 cooperativas agrarias, que facturaron 43 207 millóns de euros en 2022, agrupan a máis dun millón de persoas socias e xeran 122 600 empregos directos. A súa implantación territorial e o seu vínculo co medio rural convértenas en axentes estratéxicos para garantir a seguridade alimentaria e o equilibrio social das zonas rurais.
Porén, o sector enfróntase a un problema crecente: a escaseza de man de obra. Os datos do INE sobre a Estrutura das Explotacións Agrícolas (campaña 2023) amosan unha redución global do 4 % da man de obra agraria respecto de 2020, cun descenso especialmente acusado da man de obra familiar. Pola contra, a contratación regular aumentou un 5,6 %, o que evidencia unha maior dependencia do emprego asalariado.
En Galicia, segundo datos manexados por Cooperativas Agro-alimentarias de España, o 23 % da man de obra contratada de maneira regular non é titular nin familiar, unha porcentaxe que amosa unha tendencia clara cara a novos perfís laborais no agro.
Só as cooperativas integradas en AGACA suman máis de 28 000 persoas socias e dan emprego directo a preto de 6000 traballadoras e traballadores, sen contar o emprego inducido. A facturación conxunta, incluídas as sociedades participadas polas cooperativas socias, achégase aos 2330 millóns de euros.
Neste contexto, a inclusión laboral de persoas migrantes e de persoas integradas no Sistema de Acollida de Protección Internacional emerxe como unha vía realista e necesaria. O marco xurídico estatal permite distintas fórmulas de contratación —contratación en orixe, contratos fixos descontinuos, campañas agrarias, arraigo por formación ou inserción tras seis meses no sistema de acollida*— sempre baixo o amparo do Estatuto dos Traballadores e da normativa de estranxeiría.
As persoas migrantes e refuxiadas contan, ademais, con dereitos recoñecidos ao acceso ao emprego, á formación, á Seguridade Social e aos servizos públicos, sendo o traballo un elemento clave para a súa autonomía e integración social.
Dende o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, xunto coas entidades sociais concertadas, estase a impulsar a súa inserción laboral como paso final do proceso de acollida.
Experiencias reais no cooperativismo galego
En Galicia xa existen experiencias contrastadas de inclusión laboral de persoas migrantes no sector agroalimentario, especialmente vinculadas ao ámbito cooperativo e gandeiro, que amosan que esta vía non só é viable, senón tamén estratéxica para asegurar a remuda de man de obra no rural.
Un exemplo é o da cooperativa CLUN, que en 2024 renovou a súa colaboración coa ONG Ecos do Sur no marco do proxecto Habita Rural. A iniciativa permitiu formar persoas migrantes procedentes de países como Brasil, Colombia, Marrocos, Ucraína ou Venezuela en tarefas de gandería de vacún de leite, combinando formación teórica e prácticas en explotacións socias da cooperativa en concellos como Xermade, Ourol ou Muras (Lugo). Segundo explicou a propia cooperativa, o obxectivo é facilitar unha inserción laboral real e estable, e varios dos participantes acabaron sendo contratados polas ganderías colaboradoras.
Na explotación Prolesa SAT, situada en Sarria (Lugo), conviven persoas traballadoras de distintas nacionalidades de África e América do Sur. Máis da metade do cadro de persoal é estranxeiro. O responsable da granxa salientaba nunha reportaxe que “non se trata de ter migrantes, senón persoas empregadas como calquera outra”, destacando que a diversidade cultural non supón un obstáculo, senón que contribúe a crear equipos máis comprometidos e estables nun sector con crecente falta de man de obra.
A cooperativa Aira participa no programa da ONG Rescate. Para facilitar a inserción de varias persoas traballadoras participaron activamente na busca de aloxamento. En declaracións a un medio especificaron que a vivenda na que conviven “figura na nómina como unha remuneración en especie”.
O director xeral da bodega cooperativa Martín Códax recoñecía que ter participado no Plan Retorna Cualifica Emprego, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a facilitar a volta e a integración laboral de persoas galegas emigradas e dos seus descendentes, abriu novos procesos de selección e confirmou o potencial de perfís altamente cualificados dispostos a integrarse a longo prazo.
A administración galega tamén ten recoñecido publicamente o papel das cooperativas como instrumentos clave de cohesión social e creación de emprego no rural, destacando a súa capacidade para integrar persoas en risco de exclusión e para xerar oportunidades económicas sostibles no territorio.
Retos pendentes e papel das cooperativas
A pesar das oportunidades, persisten desafíos importantes:
- o acceso á vivenda no rural,
- a necesidade de proxectos laborais estables a longo prazo,
- as dificultades administrativas ou a incerteza sobre a resolución dos expedientes de protección internacional.
Para as cooperativas, isto implica a necesidade de planificar as súas demandas de man de obra, estabelecer alianzas con entidades facilitadoras (ONG, administracións, empresas sociais de inserción) e incorporar fases de formación, adaptación lingüística e cultural.
É necesario planificar as demandas de man de obra, establecer alianzas con entidades facilitadoras e incorporar formación, adaptación lingüística e cultural.
O cooperativismo, pola súa propia natureza colectiva e arraigada ao territorio, conta con ferramentas e valores idóneos para afrontar este proceso. A inclusión laboral de persoas migrantes e refuxiadas non é só unha resposta á escaseza de man de obra, senón tamén unha oportunidade para revitalizar o rural galego, garantir a remuda xeracional e reforzar o papel social das cooperativas como motores de desenvolvemento sostible.
* Unha vez transcorridos aproximadamente seis meses dende a solicitude de protección, estas persoas poden acceder ao permiso de residencia e traballo, o que permite ás cooperativas e empresas do sector considerar a súa contratación dentro dos marcos legais vixentes.





